Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca os bos resultados da mediación intraxudicial e aposta por seguir a estendela nas cidades galegas


O director de Xustiza, Juan José Martín, inaugurou a Xornada ‘Coñecer a mediación intraxudicial, máis alá da mediación familiar’, que se celebrou en Pontevedra

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, inaugurou a Xornada ‘Coñecer a mediación intraxudicial, máis alá da mediación familiar’, na que destacou “o esforzo de todos” os colectivos implicados e manifestou a vontade da Xunta de seguir a estender a experiencia mediadora nas cidades galegas.

De feito, a xornada enmarcase dentro do convenio subscrito entre a Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial, Fiscalía, Colexio de Avogados de Pontevedra e a Universidade de Vigo, organizadora do evento, que se celebrou na Escola de Forestais pontevedresa.

Durante a súa intervención Martín puxo en valor que a mediación constitúe “unha canle fundamental na resolución de conflitos” naqueles ámbitos nas que se está a implantar, como ferramenta complementaria ás solucións tradicionais e sendo “unha peza clave na modernización da Administración de xustiza”.

Unha das particularidades fundamentais da mediación, explicou o director xeral, é que se trata dun mecanismo voluntario, o que a converte nunha solución menos traumática, máis áxil e máis económica para as partes. Por iso a Xunta leva apostando por esta medida a través dos Grupos de Orientación Familiar e, fundamentalmente, da mediación intraxudicial que se iniciou en 2009 apoiando o labor dos colexios profesionais de avogados e psicólogos.

Desde ese ano, no que se levou a cabo unha experiencia piloto nos xulgados de Compostela, a mediación intraxudicial no ámbito familiar estendeuse paulatinamente a cidades como Ourense, Vigo, Pontevedra e Lugo. En 2015 incorporarase o partido xudicial da Coruña.

Doutra banda, a Xunta tamén está a poñer en marcha a mediación intraxudicial noutras ordes xurisdicionais, como a civil e mercantil ou a penal, onde se fixo unha primeira experiencia en Ourense -circunscrita aos delitos contra a seguridade do tráfico rodado- e agora se quere estender a Santiago e aos xulgados de instrución da Coruña.

Estreita colaboración
O titular de Xustiza aproveitou a súa intervención para gabar a estreita colaboración que nesta materia existe co Consello Xeral do Poder Xudicial e que se plasmou na sinatura en abril dun Convenio Marco de colaboración entre ambas partes para a promoción da mediación; así como coas distintas institucións e colexios profesionais involucrados na aposta pola mediación desde os distintos campos de actuación.

Neste sentido destacou colaboración co Consello Galego dos Procuradores e co Consello Galego de Cámaras de Comercio en materia de mediación no ámbito civil e mercantil; e cos colexios de avogados e psicólogos e universidades na implementación da mediación intraxudicial no ámbito do Dereito de Familia.

“Está a dar uns excelentes resultados non só polo número de solucións acadadas [en torno ao 40 por cento] senón porque a través de este mecanismo as futuras relacións de familia, ao ser guiadas polo diálogo e o consenso, non se fai necesario acudir a novos procedementos xudiciais”, destacou Martín.