Os servizos técnicos municipais valoraron seis propostas facilitadas por ADIF para comunicar con seguridade a rúa das Cañotas coa do Cruceiro
A administradora da infraestrutura ferroviaria e o consistorio deberán asinar un convenio de cofinanciamento das obras, cuantificadas inicialmente en 485.000 euros
O Concello de Fene trasladoulle a ADIF a principios deste mes de maio que solución considera máis conveniente para salvar o paso indebido sobre a liña ferroviaria Betanzos-Ferrol á altura da rúa Cañotas. Un punto sen sinalización nin infraestruturas que a veciñanza vén utilizando como atallo a pé entre Marqués de Figueroa e a rúa do Cruceiro. Neste sentido, ADIF achegoulle ao Concello seis posibles opcións, entre as que os servizos técnicos municipais elixiron a que mellor responde, entre outros, a criterios de accesibilidade, de custes de mantemento e de investimento inicial, que será sufragado a partes iguais pola administradora ferroviaria e polo Concello. Así, a infraestrutura -cuxo orzamento supera os 485.000 euros- levará como principais elementos un ascensor e unha pasarela elevada, complementados con escaleiras, unha rampa e beirarrúas ampliadas.
O punto quilométrico 33,910 da liña Betanzos-Ferrol, malia non estar sinalizado nin habilitado como tal, é o principal lugar de paso cara ao Cruceiro de Perlío desde a metade de Marqués de Figueroa, posto que a veciñanza da parte alta da avenida pode servirse polas Pías e a da parte baixa utiliza habitualmente a pasarela da estación ou o paso inferior da Xunqueira.
Así as cousas, o Concello e ADIF visitaron a zona o ano pasado para actualizar un proxecto que viña de vello, de 2010, e que non chegou a facerse realidade. Do encontro saiu o compromiso por parte da Delegación do Goberno e de ADIF de levar a cabo un novo estudo acorde coa actual normativa sobre gálibos e seguridade ferroviaria e, a partir del, achegarlle ao Concello distintas opcións técnicas.
O documento foille remitido ao consistorio no verán incorporando seis deseños que o departamento municipal de Urbanismo analizou pormenorizadamente de cara a determinar cal deles era o máis axeitado, co obxectivo de rematar cunha situación de inseguridade tanto para as persoas como para o tráfico ferroviario que leva décadas agardando solución.
Na valoración efectuada polo persoal técnico tivéronse en conta, entre outros aspectos, cal das seis alternativas ofrece un percorrido máis directo e accesible e cal se adapta mellor á normativa urbanística e á dispoñibilidade de terreos, ademais de ter en conta os custes de execución do proxecto e os do mantemento posterior da estrutura durante unha vida útil estimada en 50 anos.
O informe elaborado polo Concello decántase pola primeira opción proposta pola administradora ferroviaria, consistente na ampliación das beirarrúas na rúa do Cruceiro e a construción de dous tramos de rampa paralelos (xunto cunha pequena escaleira nun dos extremos) que darían acceso a unha pasarela de case 14 metros de lonxitude e 1,80 de ancho colocada a máis de 7 metros de altura con respecto á vía.
Na banda sur -a que conecta con Marqués de Figueroa pola rúa das Cañotas- a diferenza de niveis sálvase de dúas maneiras: con escaleiras e cun ascensor adaptado a persoas con mobilidade reducida. Nese punto tamén está previsto acondicionar a beirarrúa.
Máis de 485.000 euros de investimento
A memoria valorada de ADIF cifra a construción do paso elevado en 485.616 euros. Un importe que seguramente acabe incrementándose no proxecto definitivo, debido á suba xeralizada dos prezos dos materiais e da man de obra que se produciu desde a redacción inicial.
En calquera caso, antes de que se liciten as obras será necesario subscribir un convenio a dúas bandas no que quedará reflectido o financiamento a partes iguais por parte do Concello e da empresa estatal. Iso si, o consistorio poderá asumir o desembolso nun prazo de catro anos e sen xuros.
O Concello de Fene xa lle comunicou a ADIF o proxecto elixido e agárdase que nas próximas semanas a administradora da infraestrutura ferroviaria envíe o borrador do convenio. Unha vez consensuado entre ambas partes será sometido á aprobación do pleno municipal.