O Concello da Pobra do Caramiñal acaba de recibi-la notificación da Xefatura Territorial da Consellaría da Sanidade sobre a clasificación sanitaria final das zonas de baño do municipio na tempada de 2022.
A este respecto, a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo, explica que tódalas praias valoradas reciben a cualificación de “Excelente” segundo o sistema de cálculo establecido na Directiva 2006/7/CE: Os Raposiños, Os Areos, A Barca, A Lombiña, A Illa e A Corna.
Igual ca en anteriores anos, realizaranse probas rutineiras entre os meses de xuño e setembro do exercicio actual para avalia-la evolución da calidade das augas; uns controis que están adscritos ao Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025 realizada pola Xunta a través da Consellaría da Sanidade, polo obrigado cumprimento da normativa europea.
Tódolos datos destas tempadas son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental e do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade).