Friday 22 de November de 2024

Moeche abre as inscricións na VIII Carreira popular, que se celebrará pola zona de San Ramón o próximo 10 de xuño


O recinto da feira, as rúas da zona urbana de Moeche e as pistas da contorna de San Ramón serán escenario o sábado 10 de xuño da oitava edición da carreira popular, organizada pola Concellaría de Deportes. Unha cita clásica no calendario deportivo amador da comarca que ofrecerá a partir das 18:00h percorridos para todas as idades, desde os escasos 75 metros que correrá a rapazada máis pequena até os 6,7 quilómetros do trazado deseñado para a rolda absoluta. As inscricións na proba, coa que se pretenden fomentar os hábitos saudables, están abertas desde esta mesma semana a través da web galitiming. com, onde tamén se pode descargar o regulamento e toda a información sobre o desenvolvemento da carreira.

A VIII Careira popular de Moeche comezará co apartado de Pitufos -nenas e nenos nados nos anos 2018, 2019 e 2020- sobre unha distancia de 75 metros en liña recta na explanada da feira. A partir de aí irán dándose saídas cada dez minutos ás demais categorías, todas elas para menores de idade e con inscrición gratuíta.

Así, ás 18:10h tocaralle a Prebenxamín (anos 2016 e 2017, e 200 metros de distancia), ás 18:20h arrancará a carreira Benxamín (2015 e 2015, sobre 500 metros de percorrido) e ás 18:30h correrán en conxunto Alevíns (2012-2013), Infantís (2010-2011) e Cadetes (2006 a 2009), aínda que as dúas primeiras só deberán completar 1.000 metros e a rapazada de maior idade -dos 14 aos 17 anos- terá que cubrir unha distancia de 2 quilómetros. Esta parte da popular discorrerá polas rúas interiores do recinto feiral e tamén polas da zona urbana de San Ramón no caso das competicións de maior idade.

A proba absoluta comezará sobre as 19:00h con 6,7 quilómetros por diante e un trazado con saída e chegada tamén na feira, pero ampliado tanto ao centro urbano como a zonas dos arredores como son os lugares da Casabranca ou a Corveira. Nela poderán participar mulleres e homes encadrados na categoría Senior -persoas nacidas entre 1984 e 2005-, Veterán A -do 1974 ao 1983- e Veterán B -nadas en 1973 ou antes-, que neste caso teñen unha cota de inscrición de 5€.

Aínda que a VIII Carreira popular de Moeche volverá ser unha festa do deporte ao aire libre concibida para facer exercicio e pasalo ben, deixando nun segundo plano a parte competitiva, tamén haberá premios simbólicos: toda a rapazada de Pitufos e Prebenxamíns levará medalla, quede no posto que quede, e nas demais concederanse tres trofeos e outros tantos queixos doados por Lácteos Moeche, tanto en feminino como en masculino. A organización tamén reserva premios para as dúas persoas empadroadas no concello que rexistren os mellores tempos.

Todos os aspectos organizativos e loxísticos da popular modestina poden consultarse na web galitiming.com, a través da que se deberá facer obrigatoriamente a inscrición e efectuar o pagamento dos 5€ en concepto de participación na carreira absoluta. A inscrición inclúe a cobertura do seguro, o avituallamento, duchas no pavillón municipal, o gardarroupa, o agasallo de recordo da proba que levarán todas e todos os deportistas e incluso un servizo de fisioterapia ofrecido por FisiocheBen por se alguén o precisase ao rematar a carreira. O último día para apuntarse é o xoves 8 de xuño ás 23:59 horas. Por motivos organizativos estableceuse un límite de 350 persoas.

A VIII Carreira popular de Moeche está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración de colectivos veciñais, da Deputación da Coruña, de Protección Civil de Valdoviño e do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Ademais de Lácteos Moeche e FisiocheBen, tamén axudan (co avituallamento) A Tenda de Iria, A Tendiña de Moeche, o Supermercado O Cruce e o Bar-tenda Toñito.

Web para as inscricións
Regulamento (pdf)

Recordatorio:

O Concello e a veciñanza de Moeche implícase na celebración do 17 de maio organizando varias actividades

O Día das Letras Galegas deste ano 2023 está dedicado ao intelectual Francisco Fernández del Riego (1913-2010), figura clave na historia de Galicia que foi parte do movemento cultural e político galeguista anterior ao golpe de estado do 36 e que despois, durante a ditadura e ata a súa morte, continuou desenvolvendo un importante activismo a través da cultura como membro da Real Academia Galega, impulsor do propio 17 de maio ou como fundador da editorial Galaxia. As entidades de Moeche e o Concello prepararon varias propostas para renderlle tributo e, máis que nada, para celebraren a festa da nosa fala e da nosa cultura. Hai un pouco de todo: música, exposicións, teatro e mesmo unha viaxe a terras ourensás.

Hoxe martes ás 21:00h na contorna do castelo: Foliada Irmandiña
A asociación organizadora do Irmandiño proponnos un adianto musical para a véspera das Letras. No serán do martes armaron unha foliada aberta a gaiteiras e gaiteiros, acordeonistas, percusionistas, pandereteiras e pandereteiros…e a quen queira vir pasar un serán moi entretido no que tamén se sorteará unha pandeireta conmemorativa. Ademais servirán racións de paella ao prezo de 7€. Se viñese mal tempo, o evento trasladarase co mesmo horario á Nave do Mercado.

Mañá mércores, 17 de maio: Excursión a Celanova e Allariz coa asociación do Val de Moeche e teatro coa AVV de Labacengos
O propio día das Letras Galegas, a AVCR Val de Moeche organiza unha excursión que sairá ás 7:30h con destino a Celanova, para asistir á Festa e Romaría da Raigame e visitar as casas de Curros Enríquez e de Celso Emilio Ferreiro. Pola tarde a expedición achegarase a Allariz para percorrer a vila e a exposición paisaxística das montaxes participantes no Festival Internacional de Xardíns. Trátase dun certame único en todo o Estado que ocupa 40.000 metros cadrados das ribeiras do río Arnoia. Este ano participan 12 espazos que poderán visitarse desde este mes de maio até outubro.

Mentres, aquí en Moeche, a Asociación veciñal de Labacengos ofrecerá ás 17:00h no local do Ventoeiro a representación da obra “Nin o demo entende ás mulleres”. A peza é unha montaxe da Asociación Cultural e Teatral Pedroso que narra en clave de comedia lixeira a historia de Marina, unha moza que decide casar con Ramiriño a pesar dos consellos das súas irmás para que non o faga. A protagonista cre firmemente que o seu matrimonio é para toda a vida, pero as circunstancias que rodean ao seu marido farán que se atope con serias dificultades que poñerán a proba ese amor tan firme. A función é con entrada gratuíta e ao seu remate serviranse uns petiscos. Por esta razón fai falla anotarse ata o 15 de maio no 606 729 038.

Do 12 ao 31 de maio, no castelo de Moeche: Exposición de cadros da AVCR Val de Moeche e mostra sobre o autor
Durante a segunda quincena deste mes maio poderemos ver no castelo unha escolma dos cadros feitos polo alumnado do curso de pintura organizado pola asociación veciñal do Val de Moeche. A exposición compartirá espazo cunha mostra organizada polo Concello coas obras de Fernández del Riego dispoñibles na Biblioteca Municipal tanto para préstamo como para consulta.

Desde o departamento de Cultura tamén se anima á veciñanza a descubrir a figura homenaxeada este ano co gallo das Letras Galegas a través da web da RAG e lendo a súa obra -de grande valor, sobre todo a centrada na recuperación histórica da literatura galega-, así como a doutras autoras e autores que escribiron sobre Don Paco e o seu legado cultural. Especialmente recomendable é a serie de vídeos publicados pola Real Academia Galega arredor das súas múltiples facetas, xunto co apartado Primavera das Letras, que ofrece unha chea de actividades para a rapazada.