Desde o pasado venres pola noite, afirma, “todos os galegos se senten franceses, igual que o conxunto dos españois”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao conxunto dos franceses a solidariedade e o calor do pobo galego ante os atentados acontecidos en París o pasado venres, e eloxiou a capacidade de reacción que está a amosar a sociedade e as institucións do país galo. Desde o pasado venres pola noite, afirmou, “todos os galegos se senten franceses, igual que o conxunto dos españois”.
O mandatario galego participou hoxe na concentración silenciosa convocada polo Concello da Coruña, onde recoñeceu que “o fanatismo asasino produce senrazón, produce mortes, produce medo e, ante iso, só hai unha forma de actuar que é con prudencia pero con determinación”, dixo, e subliñou: “Non imos aceptar en ningún caso que se quite a vida a cidadáns inocentes en nome de principios que, desde logo, non son os principios fundamentais do pobo árabe, senón en nome de principios asasinos e fanáticos”.
O titular da Xunta lembrou os atentados do 11 de marzo de 2004 en España e asegurou que, por iso, “sabemos a dor que están sufrindo”. Ao pobo francés, proseguiu, “dicirlle que non están sos, que estamos con eles, que os 500 millóns de europeos estamos con eles, así como o resto do mundo está con Francia e está coas familias” das vítimas.
Feijóo tamén tivo palabras de alento para as familias dos españois falecidos nos atentados: “O noso calor e o noso abrazo aos compatriotas que, de forma absolutamente irracional, perderon a vida”, dixo.
“Imos seguir traballando pola liberdade, imos seguir traballando pola sociedade occidental, pola sociedade dos valores, da tolerancia; e estamos convencidos de que o fanatismo relixioso que produce morte, sangue e asasinato non é o sentimento maioritario dos pobos árabes que queren vivir en paz. Sabemos distinguir entre os asasinos e os fanáticos e o resto do pobo árabe”, concluíu.