Saturday 16 de November de 2024

Sánchez Bugallo: “Santiago será a primeira cidade galega cunha rede de ximnasios de barrio”


O alcalde explicou que se “ampliarán e remodelarán” todos os pavillóns de Compostela dotándoos dun ximnasio “para fomentar os hábitos de vida saudables e promover a actividade física”

O primeiro será o pavillón do Paxonal no que se acometerá unha ampliación de 1.300 metros cadrados

Utiliza as teclas de frecha arriba/abaixo para aumentar ou diminuír o volume.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023. Crear unha rede de ximnasios de barrio en tódolos pavillóns de Compostela. Son os plans de Sánchez Bugallo de cara o próximo mandato co que busca “fomentar os hábitos de vida saudables e promover a actividade física”. Trátase, segundo el mesmo indica, dunha medida “pioneira” que busca “dotar de servizos e infraestruturas os barrios de Compostela”: “Santiago será a primeira cidade galega en contar con unha rede de ximnasios de barrio”.

A primeira pedra desta rede será o pavillón do Paxonal, para o que o alcalde presentou un proxecto de ampliación de 1.300 metros cadrados de superficie que se suman aos 248 contemplados para gradas, ampliando a capacidade do polideportivo en 200 persoas.

“Renovar, ampliar e aproveitar a oportunidade para dotar os polideportivos dun ximnasio” ese é o horizonte que se marca Bugallo co obxectivo de que “as veciñas e veciños que viven na súa proximidade, e que están facendo uso dos parques biosaudables, dispoñan dun espazo cuberto onde poidan realizar os seus exercicios” e que o poidan facer ademais con monitores.

Durante a rolda de prensa, na que tamén participou Toño Bermúdez, número 9 da candidatura de Bugallo, o alcalde destacou tamén a mellora que supón a ampliación do polideportivo para dar servizo a deportes en auxe como hóckey ou patinaxe: “haberá unha maior dispoñibilidade de espazo para ampliar as horas de adestramento das rapazas e rapaces de ximnasia ou de voleibol, por exemplo” explicou Bermúdez.

Os seguintes: Santa Isabel e Vite

O alcalde explicou que o modelo que se usará na ampliación do polideportivo do Restollal exportarase no inmediato ao de Santa Isabel e ao de Vite. Precisamente o proxecto de rehabilitación do pavillón municipal de Vite está actualmente en licitación por un importe de 1,3 millóns de euros.

Tamén a obra contemplada para o Santa Isabel serán dous millóns de euros e implicará melloras en materia de habitabilidade e seguridade, incorporando a renovación das beirarrúas da contorna e a instalación de placas solares.