Moitas destas mocións foron aprobadas por unanimidade “pero o goberno do PP decidiu metelas nun caixón en vez de facelas realidade, como ocorre coa Rede de Puntos seguros para mulleres maltratadas, a dinamización dos centros sociais ou a creación dun aparcamento para autocaravanas”, lamenta Xurxo Couto, candidato do BNG de Arteixo
O BNG de Arteixo presentou ao longo do último mandato máis de setenta mocións. Unha batería de medidas e iniciativas que tiñan como obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza e que, en moitos casos contaron co voto favorable de todas e todos os concelleiros. “O goberno do PP decidiu metelas nun caixón en vez de facelas realidade, como ocorreu coa Rede de Puntos seguros para mulleres maltratadas ou a dinamización dos centro sociais aprobadas por unanimidade o ano pasado”, lamenta Xurxo Couto, candidato do BNG de Arteixo.
“Dirá o alcalde que non lles deu tempo a poñelas en marcha, como co aparcadoiro para autocaravanas, unha proposta que foi presentada en 2017 e Carlos Calvelo comprometeuse a facer un estudo sobre a mesma no 2019. Vese que catro anos no son suficientes e segue a estudala”, afirma Couto.
A formación nacionalista inclúe no seu programa electoral para Arteixo algunha desta iniciativas, “para que deixen de estar no caixón e se transformen en realidades”, apunta Couto. Así, a proposta de goberno do BNG atópase a citada Rede de Puntos seguros para vítimas de violencia machista, ademais de dotar de máis medios persoais e económicos ao CIM (Centro de Información á Muller).
Para o BNG, é importante que os centros sociais estean atendidos por por persoal municipal e conten con actividades para a veciñanza. “Ofertar unha programación continúa fomentaría unha sociedade activa, viva e implicada na creación de máis convivencia”, considera Couto. Asemade, a formación nacionalista avoga por unha verdadeira política cultural para Arteixo, “unha das áreas máis esquecidas do actual goberno”, conclúe Couto.