Saturday 16 de November de 2024

A Fundación Galicia Europa convoca seis bolsas para a formación práctica en asuntos europeos


Están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional e o prazo de presentación de candidaturas remata o 20 de novembro

A Xunta de Galicia lembra que o Fundación Galicia Europa (FGE) vén de publicar unha nova convocatoria do seu programa de bolsas de formación en asuntos europeos, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade dos mozos da comunidade. Nesta liña, cinco titulado/as universitario/as e un/a técnico de Formación Profesional realizarán estadías de xaneiro a decembro de 2016 nas oficinas da FGE en Santiago de Compostela e Bruxelas.
Catro das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais, Ciencias Económicas e Administración e Dirección de Empresas.
A FGE ofrece, ademais, unha bolsa radicada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, co obxectivo de que o/a beneficiario/a se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos.
Así mesmo, por terceiro ano consecutivo, a Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa dirixida a técnicos superiores en Secretariado ou en Asistencia á dirección para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas.
A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, así como os requirimentos de admisión para cada tipoloxía de bolsa e as fases do proceso de selección.
Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o 20 de novembro, mediante envío por correo certificado ou depositándoa persoalmente en calquera das dúas oficinas da FGE. Unha vez pechado o prazo e publicada a listaxe de admitidos, o proceso de selección desenvolverase de modo simultáneo para todas as categorías, comprendendo unha proba escrita (prevista para o 4 de decembro), un concurso de méritos e unha entrevista persoal.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa EU, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.