Friday 22 de November de 2024

A Xunta organiza unha programación especial ao redor da exposición de Picasso co gallo do Día Internacional dos Museos


— O Museo de Belas Artes da Coruña abrirá en horario especial mañá mércores, de 10,00 a 14,00 e de 16,30 a 20,00 horas, e o sábado, cando se poderá visitar ata as 23,30 horas coincidindo coa noite dos museos

— Programaranse visitas guiadas todos os días e o sábado organízase o xogo colectivo ‘Picasso infinito’, de acceso libre, para recrear unha obra de Picasso

— Ata xuño continúan as actividades paralelas entorno á mostra ‘Picasso branco no recordo azul’ para conmemorar o 50 aniversario da morte do artista

A Xunta de Galicia organiza esta semana unha programación especial ao redor da exposición Picasso branco no recordo azul co gallo do Día Internacional dos Museos, que se conmemora o xoves 18. Así o Museo de Belas Artes da Coruña terá horario de apertura extraordinario o mércores e o sábado, visitas guiadas especiais á exposición e accións singulares como un xogo colectivo para recrear unha obra do artista malagueño.

A Xunta continúa así reforzando as actividades paralelas á mostra, comisariada por Malén Gual, Antón Castro e Rubén Ventureira coa coordinación da directora do museo, Ángeles Penas e seu o equipo, que repasa a pegada galega na traxectoria de Pablo Picasso. Trátase da única exposición da nosa Comunidade no marco da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsado polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Así, con motivo da efeméride, o Museo de Belas Artes terá un horario de apertura especial mañá mércores, Día das Letras Galegas, cando os visitantes poderán acceder con horario ampliado: de 10,00 a 14,00 e de 16,30 a 20,00 horas. O xoves o venres terá o seu horario habitual, de 10,00 a 20,00 horas e o sábado, coincidindo coa noite dos museos, a apertura prolongarase ata as 23,30 horas.

A programación especial polo Día Internacional dos Museos tamén inclúe visitas guiadas do xoves 18 ao sábado 20 previa inscrición e ese mesmo sábado 20, cando se celebra a noite dos museos, organízase no exterior do Museo o xogo colectivo Picasso Infinito. Consistirá nunha performance lúdica na que se partirá dunha obra de Picasso coa que se formulará unha actividade construtiva na que se empregarán pezas soltas de material reutilizado e de residuos recuperados para crear un hábitat picassiano. A actividade, que dará comezo ás 19,00 horas, é de acceso libre e para todos os públicos.

Actividades paralelas á exposición
Xunto a estas accións especiais, o Museo de Belas Artes continúa este mes co máis de medio cento de actividades paralelas ao redor da exposición. Así, están en marcha as propostas familiares, talleres xuvenís, conferencias ou visitas guiadas, entre outras. Restan dúas xornadas do ciclo Picasso a través do cine con proxeccións gratuítas o 23 de maio co filme Las aventuras de Picasso e o 30 de maio co filme documental Picasso, peza estreada nos anos 80 ao redor da vida do artista.

Tamén continúa a serie de conferencias de entrada libre ata completar aforo que se alongará ata xuño e na que están a participar especialistas de recoñecido prestixio que veñen dedicándose desde fai anos ao estudo da traxectoria artística e vital de Picasso. O vindeiro relatorio será o 31 de maio co escritor e crítico de arte Juan Manuel Bonet, que fora director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou do Instituto Cervantes e impartirá a conferencia Picasso. Do simbolismo a vangarda: os anos de Mortmartre. Malén Gual, unha das tres persoas que comisarían a mostra Picasso Branco no recordo azul, ofrecerá o 14 de xuño o relatorio Lola, a gardiá do tesouro sobre a o papel da irmá do artista, como modelo feminino, nos seus anos xuvenís.

Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente. Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París. O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.