O alcalde sinalou que o conxunto de datos do ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación non é negativo, con 762 intervencións que mostran unha boa tendencia que debe chegar ao núcleo central do casco.
Anuncia ademais a creación dun centro de día no casco histórico para a terceira idade
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023. “Conectividade, accesibilidade e eficiencia enerxética”, son os tres eixos sobre os que pivotan as accións que Sánchez Bugallo presentou hoxe aos medios: “impulsaremos unha liña de axudas directas aos novos comercios que se instalen no casco histórico, un sistema de transporte a demanda para facer máis accesible a zona amurallada, crearemos un centro de día e impulsaremos a rehabilitación de vivenda co recadado coa taxa turística” explicou o alcalde.
Precisamente, en materia de recuperación e posta a punto de vivendas para o uso residencial, o alcalde explicou que “na última década, en Santiago vivimos as consecuencias da minoración dos ingresos do Consorcio”. Hai trece anos dedicaba 4,6 millóns de euros anuais a políticas de rehabilitación e agora só aporta 1,2 millóns. Por iso, o alcalde anunciou a proposta de que, cando a taxa turística estea en marcha, como mínimo o 50% dos seus ingresos estean destinados para a rehabilitación de vivenda residencial.
Abordar o tamaño da vivenda no Casco Histórico
O obxectivo é equilibrar o tirón do mercado para facer da zona vella un espazo como a veciñanza reclama, algo que pasa por abordar os catro temas sinalados, a conectividade, a accesibilidade, a eficiencia enerxética e o tamaño da vivenda. Estas cuestións deben abordarse atendendo ás condicións de cada caso concreto.
O alcalde explicou que ao uso residencial hai que darlle unha normativa reguladora rigorosa porque “falamos dunha cidade que é patrimonio da humanidade”. Bugallo explicou que hai que hai que facer un esforzo importante porque falamos de edificios do s. XVI ou XVIII e poden supor “unha perda irreversible e irreparable”.
“A dificultade obxectiva máis complexa pasa polo problema do tamaño”, incidiu o alcalde. Explicou que antes moitos edificios eran pazos urbanos, cunha estrutura que non se adapta ao tamaño das familias actuais que están formadas por dúas ou tres persoas. “Podo dicir que buscaremos as fórmulas para facilitar a adaptación do tamaño da unidade residencial resultante á demanda social”, asegurou Bugallo.
Vivenda estable e comercio tradicional
O rexedor sinalou que as súas “grandes preocupacións son vivenda estable, a recuperación do comercio de uso tradicional e os temas de mobilidade e conectividade”. Con estes puntos afronta todas as propostas para a Cidade Histórica. O que fará é subvencionar e apoiar o comercio tradicional, partindo de que non hai unha base legal para evitar a apertura de outro tipo de locais.
Outra proposta clave é a recuperación da empresa municipal da vivenda e solo de maneira que agora si interveña especificamente na Cidade Histórica. Este medio serviría para materializar as previsións do rexistro de solares, que se debe converter nun instrumento habitual.
“Todo isto non quere dicir que na revisión do Plan Especial non se poida estudiar de forma individual algún caso singular no que proceda revisar o uso que ten atribuído”, explicou Bugallo incidindo en que deben ser casos concretos. O obxectivo final é o de promover o uso residencial estable con axudas económicas neste sentido, tendo en conta que o alcalde é consciente de que o uso comercial dá máis rendibilidade económica aos propietarios e por iso se debe motivar con subvencións.
Incrementar a oferta de prazas de aparcadoiro e implantar un sistema de transporte a demanda no casco histórico
Bugallo volveu a resaltar a importancia da recuperación do parking da Praza de Galicia e a ampliación do aparcadoiro de Belvís que “permitirán incrementar a oferta de prazas para a Cidade Histórica”. Outra proposta é a implantación do sistema de transporte a demanda, especialmente na améndoa do casco, para compensar as dificultades de accesibilidade e mobilidade das persoas que aí residan.
O alcalde considera fundamental a apertura dun centro de día nesta zona, cuestión para a que debe falar coa Igrexa, propietaria dunha gran cantidade de inmobles, algúns deles dunhas características e valor excepcional. A cuestión radica en que moitos deles están pechados, sen ningún tipo de uso. “Isto está supoñendo unha carga para a Igrexa” e hai unha serie de inmobles que poden valer para poñer o centro de día ou para abordar outras cuestións, explicou Bugallo.
Tamén sinalou dous elementos que aportará a Casa da Xuventude, o coworking que atraerá poboación moza emprendedora dedicada ás novas tecnoloxías e o salón de actos que permitirá ampliar a organización de actividades. Por outra banda, Bugallo apuntou aos acordos coa Deputación da Coruña e a Fundación Ría para ter unha conexión directa e a prolongación do parque de Belvís, que chegará ata a Praza do Matadoiro.
Por último, falou do Consello da Cidade Histórica, que permitirá seguir ampliando a participación. “Nel queremos que os veciños teñan voz e ten como obxectivo coordinar todo o proceso de colaboración imprescindible para sacar adiante a revisión do Plan Especial”, concluíu o alcalde.