Saturday 28 de September de 2024

O Concello impulsa unha campaña medioambiental sobre reciclaxe


O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, informou do inicio, hoxe, dunha campaña medioambiental coa que continuar concienciando á poboación sobre a importancia da reciclaxe. A iniciativa desenvolverase toda esta semana e iniciouse esta mañá na Praza do colexio de Xuvia, e seguirá pola tarde na zona do paseo marítimo.
“Instalamos unha carpa informativa na que se ofrece información sobre onde se deban depositar os residuos domésticos, para recalcar que debe ir en cada colector”, explicou Santalla. O edil indicou que as persoas que se acheguen recibirán como agasallo unha bolsa de tela reutilizable.

Na xornada de mañá a campaña levarase a cabo na Praza da Gándara en horario de mañá e na de Galicia pola tarde; o mércores na Praza da Constitución (A Solaina), pola mañá e na da Lectura pola tarde e o venres pola mañá nas inmediacións do Centro Comercial Narón e pola tarde en Odeón. A última xornada é a programada para o luns 22, na que a carpa se instalará pola mañá na rúa Cataluña e pola tarde no parque de Freixeiro. En todas as xornadas os horarios serán de 9.30 a 13.30 e dende as 15.30 ata as 19.30 horas, tal e como indicou Santalla.

Santalla asegurou que “as veciñas e veciños de Narón están moi concienciados coa reciclaxe, e así o constatan os datos, pero queremos que cada día continúen mellorando, de aí a programación desta campaña na que tamén entregaremos embudes para facilitar a reciclaxe de aceite usado”.