Saturday 16 de November de 2024

Medio milleiro de motos participarán na IX Concentración Moteira SinFrenos


A IX Concentración Moteira SinFrenos chega nesta fin de semana á Pobra do Caramiñal da man do Motoclub SinFrenos coa colaboración de varias entidades e a Administración local. A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo; a técnica municipal desta área, Ana Romero; o vicepresidente do club, Pablo Rodríguez; e Silvia Domínguez, socia protectora desta entidade deportiva, debullaron a información sobre esta tradicional quedada que agarda contar cunha participación de medio milleiro de motos.

O evento arrancará ás 12.00 horas do sábado 20 coa formalización das inscricións e a sesión vermú co concerto de Mad Martin Trío. O groso de actividades desta xornada terá lugar na tarde coa exhibición de adestramentos da escola de pilotos Ikeric Racing, ás 16.00 horas, para, posteriormente, das 17.30 horas en diante, dar paso a unha ruta en moto cunha parada no bar O Campiño para uns petiscos. Xa de volta, a praza Alcalde Segundo Durán será escenario dun espectáculo de lavamotos, ás 20.00 horas, e uns xogos de motos que comezarán ás 20.30 horas. A cea realizarase no Centro Sociocomunitario e de Benestar, ás 22.00 horas, e a acción desprazarase novamente á praza Alcalde Segundo Durán cunha festa amenizada por Planet Disco Móvil a partir das 00.00 horas.

No día seguinte, domingo 21, haberá un almorzo no Centro Sociocomunitario e de Benestar, ás 10.00 horas, para se botar novamente á estrada con dirección ao Restaurante Valverde, onde se ofrecerá un aperitivo. Regresarase ao referido centro para o xantar, ás 14.30 horas, e face-la entrega de trofeos e sorteo de agasallos.

As reservas aínda se poden efectuar a través dos teléfonos de contacto 616134404 e 609906655.