Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño licita a xestión da cantina da piscina para este verán e o que vén


O canon de partida, que as empresas poderán incrementar, estipúlase en 300 euros para os dous anos

Ata o 27 de maio estará aberto o prazo de presentación de propostas para a xestión da cantina da área recreativa de Currás durante a temporada estival de 2023 prorrogable tamén até a de 2024. Trátase dun contrato que se adxudicará principalmente en base á oferta económica que se faga -o mínimo son 300 euros por todo este verán e o que vén-, pero tamén valorando a ampliación do horario de apertura e a variedade e o prezo dos produtos que se ofrezan. Os pregos completos e as follas normalizadas de presentación da proposta técnica e económica poden descargarse desde a Plataforma de Contratación co Sector Público do Concello de San Sadurniño.

As condicións que deberá cumprir o adxudicatario ou adxudicataria da xestión son varias. A primeira refírese aos horarios de apertura, xa que a cantina terá que permanecer aberta este ano entre o 19 de xuño e o 11 de setembro -ambos os dous días incluídos- e, como mínimo, entre as 15:00h e as 21:00h durante todo o período, así como das 11:00h ás 14:00h nos días en que se desenvolvan cursos de natación. Os sábados, domingos e festivos -días de maior afluencia de público- o horario mínimo será desde as 12 até as 21:00h Iso si, as licitadoras poderán ampliar o tempo de apertura o que consideren oportuno -previa autorización municipal-, posto que é un criterio que os pregos valoran con ata 15 puntos.

Outro compromiso que se deberá adquirir é o de manter as instalacións en perfecto estado de limpeza. Un requisito que abrangue o espazo da cantina e dos aseos de uso común, ademais do baleirado de papeleiras e a recollida de refugallos da área recreativa separada das instalacións do vaso. Os vestiarios e o mantemento da zona de baño correrán por conta da empresa que xestione o servizo de piscina -vaso e socorrismo- durante o verán.

De cara á adxudicación do contrato tamén se valorará con ata 10 puntos a variedade de produtos ofertados a maiores da relación mínima esixida polo Concello, que recolle ata 21 artigos entre bebidas, bocadillos e petiscos. A Administración Local achega tamén prezos máximos de referenza que poderán verse rebaixados nas ofertas. De feito, reducir eses prezos supón ata 15 puntos na valoración. En calquera caso, a proposta que resulte adxudicataria deberá ter recollidos todos os produtos nunha lista de prezos e nunha carta redactada en galego, de acordo coa ordenanza de normalización lingüística.

A convocatoria tamén marca a encomenda de expender as entradas diarias na piscina -os abonos hai que solicitalos no Concello- e a obrigatoriedade de dispensar un trato cordial ás persoas usuarias. A contratista deberá poñer á súa disposición documentos de reclamación que, no caso de producirse, será comunicada tamén ao departamento municipal de Deportes.

O aspecto valorable con maior peso específico no procedemento será o do canon que deberá satisfacer a empresa ou persoa autónoma adxudicataria da xestión. O Concello puxo un mínimo de 150€ por ano –300 euros para o total da vixencia do contrato, que abranguerá o verán de 2023 e a súa prórroga ao de 2024- e, a partir de aí, as candidaturas poderán subir o que consideren as súas ofertas económicas, tendo en conta que este apartado suporá 60 puntos no total da valoración.

As propostas técnicas e económicas poderán presentarse no Concello ata o día 27 de maio ás 23.59h. por medio dalgunha das fórmulas previstas na lei. A documentación pode descargarse desde esta ligazón da Plataforma de Contratación co Sector público.