O obxectivo é analizar a estratexia de futuro deste proxecto que nos últimos cinco anos permitiu a 200 alumnos estranxeiros estudar no Centro Superior de Hostelería de Galicia
A directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, e o coordinador académico, José Bendaña participan na reunión anual da Academia Europea de Xestión Hoteleira que ten lugar en Eastbourne, Reino Unido.
O obxectivo desta reunión é valorar o programa Bachelor no que participa o Centro e que permite a 40 alumnos franceses estudar este curso 2015-16 nas súas instalacións. Entre outras cousas, valorarase a experiencia dos alumnos no programa, os posibles cambios do programa académico, a estratexia de futuro do Bachelor, pasando pola política de captación de alumnos e de marketing.
O Bachelor Europeo é un grado en xestión hoteleira que ten unha duración de tres anos que permite aos alumnos escoller unha formación en cinco escolas europeas durante a súa formación. O primeiro ano desenvólvese na Ecole de Savignac e o último na Brighton University. No segundo ano, os alumnos escollen entre o CSHG, Angell Akademie (Alemania) e Wittenborg University (Holanda).
Desde que se comezou este proxecto hai cinco anos, un total de 200 alumnos estranxeiros pasaron polo CSHG para facer o segundo ano do Bachelor Europeo.
O Centro é a sede máis demandada polo nivel de formación e porque é a única escola que inclúe as prácticas en compañías hoteleiras dentro do seu plan de estudos. A filosofía do CSHG é que as propias empresas formen tamén aos futuros profesionais durante o seu periplo académico, tal como pasa xa no Diploma Superior de Xestión Hoteleira e no Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, as outras titulacións que imparte.
Por outra parte, a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, aproveitará a súa estancia en Reino Unido para visitar e abrir contactos con outras escolas de xestión hoteleira.