A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita ao delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, para tratar as actuacións postas en marcha polo Estado na Coruña
O Concello confirma a existencia de 67 vivendas da SAREB na cidade e esixiralle á Xunta que as merque para promover o alugueiro social
Crearase unha comisión permanente de seguridade cidadá, con xuntanzas periódicas, para analizar a coordinación entre Policía Local e Nacional
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá no Pazo Municipal de María Pita ao delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.
Durante o encontro analizaron as actuacións e cuestións en marcha polo Estado na cidade.
Nese sentido, Gómez Besteiro anunciou que este martes, 16 de maio, o Consello de Ministros licitará o proxecto de remodelación e ampliación da avenida de Alfonso Molina. “Esta nova supón un paso fundamental para dar resposta a unha demanda histórica da nosa cidade, que se remonta a hai máis de 20 anos e que permitirá mellorar sensiblemente a mobilidade entre a cidade e a súa contorna”, sinalou a alcaldesa. O investimento do proxecto ascende a 23,9 millóns e euros e un prazo de execución de 24 meses.
“Esta intervención é fundamental para deseñar o futuro da nosa cidade en clave de mobilidade urbana e poder garantir o paso de aproximadamente 160.000 vehículos diarios, como está previsto para a próxima década”, apuntou Rey. O proxecto de ampliación e mellora de Alfonso Molina, tal e como se acordou co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, consta de tres fases, a primeira delas xa en marcha. Trátase das obras de instalación da pasarela peonil de Pedralonga, que comezaron en maio do ano pasado.
Na segunda fase, a que sae mañá a licitación, supón a mellora da capacidade de Alfonso Molina, que financiará integramente o MITMA. O proxecto supón o paso a unha disposición de catro carrís por sentido no tramo de quilómetro e medio entre A Ponte da Pedra e os accesos de entrada e saída da AP-9. Este tramo pasará a ser de titularidade municipal unha vez rematen as obras e será o Concello o que leve a cabo as tarefas oportunas de mantemento.
Os traballos previstos suporán tamén unha mellora da conexión entre os barrios de Elviña, O Birloque, Matogrande e Xuxán. Esta obra inclúe a creación de novos accesos peonís que conectarán San Vicenzo de Elviña e Xuxán a través dunha pasarela. Aproveitarase o desenvolvemento das obras para a mellora da accesibilidade de cinco paradas de autobús na avenida. Unha vez remate esta segunda fase, procederase a levar a cabo unha terceira e última, que inclúe o plan de integración ambiental da avenida, coa creación de sendas peonís, carrís bici e melloras nas zonas verdes da contorna de Alfonso Molina e cuxo orzamento ascende a 5,8 millóns de euros, que asume tamén o Estado.
A SAREB conta con 67 vivendas na cidade
Por outra banda, outro dos asuntos tratados entre Inés Rey e José Ramón Gómez Besteiro foron os compromisos en materia de vivenda do Estado na Coruña. A alcaldesa recordou que xa se concretara a creación de 88 novas vivendas sociais nos terreos do Ministerio de Defensa na Maestranza e Adelaida Muro. O Goberno tamén ten en marcha 284 actuacións en materia de rehabilitación na Cidade Vella, Labañou, Casas de Franco e Barrio das Flores, cun investimento total de 5,8 millóns de euros.
Respecto á SAREB, a alcaldesa confirmou que a entidade conta con 67 vivendas na cidade en disposición de ser mercadas pola Xunta de Galicia para destinar a alugueiro social.
“Trasladarémoslle á Xunta, de forma inmediata, toda a información sobre as vivendas para que poidan avanzar na posta a disposición destas vivendas na cidade”, anunciou a rexedora.
Seguridade cidadá
Por último, durante o encontro a alcaldesa trasladoulle ao delegado do Goberno a necesidade de contar na cidade cun maior número de efectivos da Policía Nacional para atender cuestións de seguridade cidadá. Acordouse traballar conxuntamente para a creación dunha comisión permanente de seguridade cidadá, que se reunirá con carácter periódico para analizar as necesidades específicas de reforzo da presenza policial nos distintos barrios. Ademais, ampliaranse as patrullas conxuntas que están a desenvolver entre Policía Local e Nacional e a colaboración entre ambos os corpos policiais verase incrementada.