Friday 22 de November de 2024

A SEPES e o Concello de Fene negocian a cesión dos terreos que permitirán a construción do novo Centro de Saúde


Son cerca de 16.000 metros cadrados nas inmediacións da avenida de Tarrío, dos cales o Concello pretende poñer unha parte a disposición da Xunta para a edificación do centro médico

Os responsables municipais de Urbanismo e Servizos do Concello de Fene, Manuel Polo e Sandra Permuy, mantiveron un encontro o pasado venres coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, para avanzar na cesión de terreos propiedade de SEPES nas inmediacións da avenida de Tarrío, que lle permitirán ao Concello dispor do chan necesario para o novo Centro de Saúde de Fene. A sociedade posúe na zona 15.899 metros cadrados en varios predios que, segundo se tratou na xuntanza, pasarían a mans do consistorio, en compensación pola participación nos ingresos de venda de parcelas industriais no polígono do Vilar do Colo. Ademais de contar co espazo necesario para o centro médico -que o SERGAS ten proxectado para un prazo non inferior a tres anos- a responsable de SEA tamén expresou o interese estatal en que se inclúa a zona no plan de construción de vivendas asequibles unha vez que o Concello acometa a correspondente modificación urbanística.

O encontro coa responsable de Suelo Empresarial del Atlántico -empresa participada maioritariamente por SEPES e responsable da xestión dos polígonos estatais en Galicia- é un dos últimos pasos dun camiño iniciado a comezos do 2021 para ampliar o Centro de Saúde de Fene, situado na Avenida de Tarrío.

O Concello mantivo daquela un primeiro encontro co Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e co xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, para que o centro médico fenés fose incluído no plan autonómico de infraestruturas sanitarias. De feito, en novembro dese mesmo ano o Consello da Xunta desbotou a posibilidade da ampliación e aprobou a construción dun novo edificio, que requirirá chan cunha edificabilidade de 2.604 metros cadrados.

Nunha reunión celebrada en Santiago a finais de 2021, o Goberno local e os responsables do SERGAS coincidiron en sinalar como localización máis axeitada o espazo comprendido entre as actuais instalacións sanitarias e o Eroski Center, en terreos que na súa maior parte son propiedade de SEPES-Entidade Pública Empresarial do Solo.

O Executivo local mantivo varios encontros coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico -empresa pública que xestiona en Galicia o chan industrial do Estado- co obxectivo de acadar a cesión dun total de 15.899 metros repartidos en varias parcelas pola zona de Centieiras, entre elas a sinalada como máis idónea, con espazo suficiente tanto para o novo Centro de Saúde como para outros equipamentos públicos.

Na xuntanza celebrada o venres na Casa do Concello coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, a primeira tenente da alcaldía, Sandra Permuy, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, reiterouse a posibilidade de cesión ao consistorio dos terreos necesarios para o centro médico, ademais de valorar a promoción pública de vivendas de aluguer a prezos asequibles.

Por outra banda, a responsable de SEA tamén tratou cos representantes municipais o próximo traspaso aos concellos de Fene e Cabanas das parcelas comprendidas na mazá Q do polígono do Vilar do Colo, correspondentes ao remate da segunda fase da área industrial.

O novo Centro de Saúde, “para 2026 ou 2027”
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, cualificou a vontade da SEPES de alcanzar un acordo sobre os terreos de Centieiras como “un paso importante”, dado que “lle permitirá ao Concello poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para o novo Centro de Saúde”. Trigo apunta que os servizos técnicos da entidade pública e os do Concello “deberán definir antes as cuestións que se terán que recoller no correspondente acordo de cesión”.

Sobre os prazos, o rexedor fenés comenta que a xestión da dispoñibilidade dos terreos “vai acorde coas previsións que ten a Xunta para construír o Centro de Saúde”. Juventino Trigo explicou a este respecto que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta en 2021 -no que se inclúe a de Fene- “ten un horizonte temporal en tres fases: a Fase 0, a Fase 1 e a Fase 2. O centro médico de Fene recóllese na última destas fases, pero a Xunta de momento aínda non empezou a executar os centros da Fase 0”. “Polo tanto -engade o alcalde-, en canto á busca de terreos imos dentro dos prazos que manexa o SERGAS. Atendendo ao cronograma da propia Xunta de Galicia e a como está avanzando o seu Plan de Infraestruturas Sanitarias, aínda que lles cedésemos hoxe mesmo unha parcela, o Centro de Saúde non estaría construído en ningún caso antes do 2026 ou 2027”, asegurou.