A persoa con bolsa na capital de Xeorxia terá a oportunidade de contactar con outros autores internacionais aloxados na Writer’s House, unha mansión art nouveau da época zarista, situada no corazón histórico de Tiflis
As bolsas poderán solicitarse ata as 22.00 horas do vindeiro 15 de xuño, presentando os proxectos creativos e a documentación indicada nas bases da convocatoria, xa habilitadas na web do Concello
O Concello da Coruña abriu o prazo de solicitude para a convocatoria cultural ‘Intercambio Literario A Coruña-Tiflis en residencia’, unha iniciativa promovida co obxectivo de estimular e promocionar a creación literaria das e dos autores coruñeses, así como a súa proxección internacional.
Hoxe fixerónse públicas as bases reguladoras da convocatoria, establecidas pola Residencia Literaria 1863 e o Writer’s House of Georgia —en colaboración co Concello—. A bolsa apoiará unha estadía de creación literaria en Xeorxia para autoras e autores coruñeses en lingua galega, e para autoras e autores xeorxianos en Galicia, por un mes de duración e, concretamente, en setembro deste ano 2023.
A persoa con bolsa na capital de Xeorxia terá a oportunidade de contactar con outros autores internacionais que estarán aloxados nas outras catro estancias da Writer’s House, unha mansión art nouveau da época zarista, situada no corazón histórico de Tiflis. Por outra banda, a persoa que obteña a súa estadía creativa na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e todo tipo de eventos culturais.
Quen pode optar á bolsa?
Poderán concorrer á convocatoria, de forma individual, calquera escritora ou escritor, maior de 18 anos, que estea empadroado na cidade da Coruña, e que teña, alomenos, un libro publicado en lingua galega.
Para solicitar a estadía, as autoras ou autores deberán presentar un único proxecto de escrita de creación, así como a documentación sinalada nas bases da convocatoria, xa habilitadas na web do Concello.
Toda a documentación deberá remitirse, nun único e-mail, ao enderezo electrónico 1863coruna@gmail.com, antes das 22.00 horas do día 15 de xuño.
Os proxectos presentados someteranse a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Residencia Literaria 1863, dirixida pola poeta Yolanda Castaño e a área municipal de Cultura. Estará composto por especialistas en escrita galega.
Unha vez se concrete o proceso selectivo para o ‘Intercambio Literario A Coruña-Tiflis en residencia’, notificarase á persoa seleccionada —e á persoa suplente— na segunda metade do vindeiro mes de xuño.
Todas as dúbidas relacionadas coa convocatoria poden remitirse ao enderezo electrónico yolandacastano@hotmail.com.