A intervención se está a levar a cabo no treito norte, conectado coa rúa Santa Cecilia e a rolda de Monte Alto. Acometerase a renovación total da rede de saneamento, o pavimento da rúa e o sistema de iluminación
Ademais, remodelarase o circuíto de escaleiras coa rolda de Monte Alto, onde está previsto acondicionar as áreas verdes e a creación dun pequeno espazo para o lecer das veciñas e veciños
O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, iniciou as obras para mellorar a accesibilidade no sector norte da rúa San Antonio, situada no barrio de Monte Alto. A previsión é que os traballos rematen a finais do mes de setembro.
A intervención, que se está a executar baseándose nas solicitudes veciñais, está centrada no treito de San Antonio comprendido na intersección conectada coa rúa Santa Cecilia e a rolda de Monte Alto. En primeiro lugar completarase a eliminación do firme para acometer a renovación da rede de saneamento, que implicará a substitución dos antigos colectores, feitos en gres e con 200 mm de diámetro exterior. As novas tubaxes serán de PVC e contarán cun diámetro exterior máis amplo, de 315 mm, que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.
Xa posteriormente, levarase a cabo a renovación total do firme, que pasará a estar disposto en forma de plataforma única, coas zonas peonís adoquinadas e diferenciadas do carril central —con 2,5 metros de anchura, e destinado ao paso dos vehículos para as persoas residentes—, no que o pavimento será disposto en formigón semipulido.
Ademais, reconfigurarase o cruzamento entre o treito norte de San Antonio e a rúa Santa Cecilia, ampliando os espazos peonís. Ademais de incrementar a superficie de beirarrúa neste enclave, no acceso ao principal paso peonil con Santa Cecilia disporase un pavimento específico con baldosa podotáctil.
Acometerase tamén a renovación do circuíto de iluminación, coa retirada das antigas lámpadas, xa obsoletas. Substituiranse por dispositivos de última xeración e tecnoloxía led, máis eficientes e susceptibles de poder regularse por tramos horarios.
Remodelación das escaleiras de acceso á rolda de Monte Alto
No contexto dos traballos, está previsto executar proximamente unha renovación integral das escaleiras que conectan a rúa San Antonio coa rolda de Monte Alto. Neste enclave, levarase a cabo unha remodelación en catro treitos, de 7, 6, 9 e 12 chanzos, en baixada cara á rolda de Monte Alto. Entre treito e treito disporanse relanzos de entre 2,2 e 1,2 metros de lonxitude.
Partindo desde o alto de San Antonio, en ambos os laterais das escaleiras levarase a cabo un recubrimento do valo existente, con empedrados e callaos. En paralelo aos laterais do valo instalaranse tamén pasamáns dobres.
Esta intervención implicará, ademais, o aproveitamento dos laterais inferiores das escaleiras, onde se crearán dúas pequenas xardineiras onde se disporán, ademais, novos espazos con bancos de madeira.