O Conselleiro de Sanidade subliñou a necesidade de centrar a atención nos pacientes contando coa implicación de entidades como a Asociación Galega de Fibrose Quística, e tamén dos nosos magníficos profesionais na toma de decisións
O conselleiro de Sanidade participou na celabración do 30ª aniversario da Asociación Galega de Fibrose Quística no que felicitou e agradeceu o importante traballo que leva realizando a asociación na súa traxectoria durante estas tres décadas
Tamén subliñou que o noso sistema sanitario debe ser quen de implicar aos pacientes e ás súas asociacións na definición, deseño e priorización das accións e medidas a implantar polo propio sistema, coa implicación, o traballo e compromiso dos nosos excelentes profesionais. En suma, facendo da organización sanitaria un sistema máis eficiente na consecución do seu obxectivo principal: elevar o nivel de saúde da cidadanía galega.
Diagnóstico precoz esencial
A fibrose quística é a enfermidade xenética autosómica recesiva máis frecuente na poboación caucásica, a que predomina en Occidente, o nosos contorno. En Europa, a incidencia é dun neno acabado de nacer por cada 2.000-3.000 nacidos vivos. En España é de 1 por cada 3.500.
Dende o punto de vista asistencial, esta patoloxía presenta un cadro grave, polo que o diagnóstico precoz e o tratamento adecuado poden minorar os seus efectos. Nos últimos anos o manexo da fibrose quística, tanto nos aspectos diagnósticos coma terapéuticos, avanzou considerablemente.
O diagnóstico precoz é unha das vías de actuación principais contra a fibrose quística. Neste senso, destacan os avances conseguidos recentemente en base ao informe elaborado pola Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia (avalia-t), polo que se incorporou o cribado neonatal da fibrose quística á Carteira de Servizos do Sistema Nacional de Saúde. Para Jesús Vázquez “o diagnóstico precoz demostrou que mellora o crecemento e o estado nutricional do neno e, en consecuencia, a súa calidade de vida”.
O conselleiro de Sanidade tamén resaltou a difícil situación á que se enfrontan as familias xa que “a aparición de fibrose quística nun neno implica un desaxuste emocional na familia, todos os membros da mesma teñen que adaptarse á nova situación”. E destacou que as administracións sanitarias deben ter presentes esta dimensión á hora de afrontar esta enfermidade xa que como na maioría das enfermidades crónicas e graves, adoita dar lugar a problemas sociais, emocionais e psicolóxicos de diferente grao de gravidade, tanto nos pacientes como nas súas familias e na súa contorna social.