Con esta actuación habilitaranse 60 novas prazas de aparcamento e 6 puntos de recarga eléctrica nas inmediacións da planta termoeléctrica das instalacións de Cerceda
A Xunta, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), acaba de adxudicar por un importe de máis de 446.000 euros a obra de construción dun novo aparcadoiro de vehículos no complexo medioambiental da empresa pública en Cerceda.
Concretamente, a actuación terá lugar nas inmediacións da planta termoeléctrica, e ten como fin atender as necesidades dos traballadores e dar servizo específico a aqueles que se desprazan ás instalacións en coche eléctrico.
Así, ademais de crear 60 novas prazas de aparcamento, tamén estará dotado con 6 puntos de recarga eléctrica para os usuarios que empregan vehículos con estas características, promovendo así o seu uso.
Neste sentido, é preciso destacar que, na contorna do edificio de oficinas, Sogama dispón desde hai tempo dun aparcadoiro con prazas de carga, xa que os vehículos utilitarios ao servizo da entidade tamén son eléctricos.
Ademais, con esta medida a empresa pública pretende promover tamén a mobilidade sostible e intelixente, no marco do Pacto Verde Europeo, apostando pola redución das emisións de CO2.