As obras, que finalizaron este mércores, centráronse na substitución dos antigos colectores, afastándoos da área de xogos e lecer da praza e renovándose as tubaxes para reforzar a seguridade en caso de fugas
Ademais, Infraestruturas vén de comezar unha nova intervención para renovar a rede de saneamento entre a rolda de Outeiro e a rúa Alcalde Liaño Flores, no Ventorrillo
O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, rematou xa os traballos de remodelación da rede de saneamento situada na contorna da praza da Concordia, situada no barrio do Castrillón.
As obras centráronse, concretamente, no treito comprendido entre os números 38 e 42 da avenida da Concordia. Neste enclave, lindeiro á praza da Concordia e que conflúe coa travesía da Cerca, executouse unha modificación do antigo trazado dos colectores, afastándoo da propia praza co obxectivo de que as tarefas de mantemento que se leven a cabo no futuro non afecten á configuración e usos habituais da área de xogos e lecer disposta na praza da Concordia.
Desta forma, e aproveitando a intervención para relocalizar os colectores de augas residuais, Infraestruturas instalou novas tubaxes, substituíndo os colectores antigos, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos, de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiales, apóstase por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.
Os traballos finalizaron este mércores, tras completarse a renovación do firme no treito afectados polas obras, onde se dispuxo unha nova capa de formigón e tamén se recolocaron as tapas de rexistro asociadas á rede de sumidoiros.
Nova intervención entre a rolda de Outeiro e a rúa Alcalde Liaño Flores
A este respecto, o persoal de Infraestruturas comezou os traballos para mellorar a rede de saneamento no cruzamento entre a rolda de Outeiro e a rúa Alcalde Liaño Flores, no barrio do Ventorrillo. Neste enclave, e por mor das deterioracións existentes nun treito da rede de colectores de augas residuais, estanse a renovar tamén as tubaxes danadas. A previsión do Concello é que esta intervención remate a mediados do mes de xuño.