Friday 22 de November de 2024

Galicia salienta en Bruxelas a importancia da cooperación transfronteiriza co norte de Portugal


O subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza deu conta dos exemplos de cooperación galegos co país

A Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) celebrou este xoves e durante a xornada de onte varios eventos sobre cooperación transfronteiriza organizados conxuntamente coa Comisión Europea, o Comité das Rexións europeo e o Congreso de Poderes Rexionais e Locais do Consello de Europa con motivo dos 25 anos do programa Interreg. Este programa europeo de financiamento busca contribuír ao crecemento de Europa apoiando o intercambio de coñecemento e boas prácticas entre actores de relevancia rexional para mellorar as políticas de cohesión na UE.

Co obxectivo de examinar o estado da cooperación transfronteiriza así como as perspectivas de futuro, o xoves celebrouse un seminario sobre a participación das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) nos programas de cooperación territorial europeos e onte un segundo seminario sobre o futuro da cooperación transfronteiriza en Europa.

Neste último encontro participou o subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza Xosé Lago, que explicou a experiencia galega de cooperación co Norte de Portugal en iniciativas como a AECT Galicia-Norte de Portugal, a primeira creada na Península Ibérica. Lago resaltou a importancia de programas como Iacobus, que ten como obxectivo o intercambio de profesorado, investigadores, estudantes de doutorado e post doutorado e persoal administrativo da ensinanza da Eurorrexión para fomentar a cooperación e a mobilidade académica entre as dúas rexións. Na mesma liña, presentou outras iniciativas como o protocolo sanitario para colaborar en materia de saúde e ofrecer atención efectiva e de calidade aos cidadáns da Eurorrexión.

Xestión de recursos acuícolas transfronteirizos
No contexto da celebración destes eventos, a oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas (FGE) acolleu o xoves unha reunión dun dos cinco grupos de traballo de ARFE sobre xestión de recursos acuícolas transfronteirizos. Algunhas das rexións membro compartiron boas prácticas e asesoramento para levar a súa experiencia e iniciar proxectos desta índole en rexións fronteirizas de América Latina. No encontro, que estivo presidido por Karl-Heinz Lambertz, presidente da ARFE e vicepresidente do Comité das Rexións (CdR), presentouse a auga como unha das prioridades do programa Interreg.

A cooperación transfronteiriza existe dende hai 60 anos, fomentando a cooperación non só nalgúns ámbitos, senón en todos os aspectos da vida. En colaboración con ARFE, o Consello de Europa ten organizado nos últimos vinte anos numerosas conferencias en temas de cooperación transfronteiriza. Dende 1990, a cooperación transfronteiriza veuse acelerada gracias ao programa Interreg. Nos últimos 25 anos, Interreg tense achegado cada vez máis ás prioridades das políticas rexionais e de cohesión, sendo unha ferramenta de financiamento imprescindible da cooperación transfronteiriza.

A pesar dos avances, o descoñecemento destes programas entre a poboación aínda é importante. Tal e como amosa o primeiro Eurobarómetro sobre cooperación transfronteiriza, só o 31 por cento dos enquisados residentes nunha rexión fronteiriza implicada nalgún programa de cooperación transfronteiriza teñen coñecemento deste tipo de iniciativas financiadas pola UE.

Precisamente co obxectivo de coñecer a opinión dos máis de 180 millóns de cidadáns da UE que viven en rexións fronteirizas, a Comisión Europea lanzou o pasado mes de setembro unha consulta pública co obxectivo de identificar os obstáculos á cooperación transfronteiriza e recibir suxestións sobre como facerlles fronte.

ARFE
A Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE), creada en 1971, é a asemblea rexional máis antiga de Europa. Traballa en conxunto coas rexións europeas co obxecto de subliñar os problemas e oportunidades, representar os intereses comúns, apoiar e coordinar iniciativas de cooperación entre rexións ao longo de Europa e promover experiencias e boas prácticas. Galicia forma parte de ARFE dende hai máis de vinte anos e é membro do seu órgano de goberno.