Saturday 16 de November de 2024

A XIX Festa do Pan cócese en Carral cunha gran afluencia de público


• A cita terá lugar ata o martes, día 16, ofrecendo actividades para veciños e veciñas de todas as idades.

Nos vindeiros días, en Carral cocerase algo máis que os clásicos bolos de pan que lle dan ao municipio a súa fama. A XIX Festa do Pan celebrarase ata o vindeiro martes, 16 de maio, ofrecendo unha programación completa con actividades específicas para veciños e veciñas de todas as idades. A cita gastronómica, unha das máis recoñecidas da comarca, arrincou hoxe, pero as ringleiras de xente víronse xa desde as primeiras horas. As dúas atraccións que máis público atraeron foron o posto de bocadillos cardiosaudables e o dos obradoiros infantís de elaboración de pan.

A previsión de venta do Concello e da Asociación de Panadeiros de Carral, coorganizadores deste evento, é despachar uns 8.000 bocatas cardiosaudables durante os vindeiros días. Como noutras edicións, esta delicia está elaborada a base de pan de Carral, tomate, aceite e xamón serrano. En canto aos talleres de elaboración de pan, a organización da Festa do Pan agarda tamén a participación de centos de nenos e nenas ao longo de toda a fin de semana.

O programa de propostas de lecer de hoxe, sábado 13 de maio, e mañá, domingo 14, incluirá: feira medieval, talleres de olaría e representacións teatrais. Eses días, as actividades rematarán coas actuacións das orquestras Fuego e A banda de ayer (sábado, 13 de maio a partir das 21.00 horas) e Miramar (domingo, 14 de maio, a partir das 20.00 horas). O calendario ofrecerá tamén representacións teatrais, talleres de olería, exhibicións de cetrería e espectáculos na rúa.
Pequepan e Xovepan

A dezanove edición alongarase tamén durante as xornadas do luns, 15 de maio, e do martes, día 16. Por unha banda, o luns terá lugar o Pequepan (a partir das 18.00 horas). A cita incluirá o espectáculo MeRe-cidamente de clown e o concerto de Chuches Amil. Ao día seguinte será a quenda de Xovepan (desde as 20.00 horas). Ao longo da tarde venderanse bolos preñados elaborados polos panadeiros do municipio, haberá unha actuación da charanga Santa Compaña e da Escola Municipal de Música de Carral e, por último, unha sesión de noite cos grupos Bomba e New York.

Tal e como se explicou durante a presentación da XIX edición, o obxectivo é achegar a cultura do pan aos veciños e veciñas de todas as idades, sobre todo aos pequenos e pequenas e á mocidade: “o pan é un dos nosos sinais de identidade e o que dá nome a Carral, polo que é fundamental garantir ese relevo xeracional”.

Esforzo adicional nas panadarías

O alcalde, Javier Gestal, agradeceu, esta semana, o “esforzo adicional” que as panadarías realizarán ao longo destes días para seguir “agrandando a fama desta cita gastronómica e do pan de Carral”.
A Festa do Pan está organizada de xeito conxunto entre o Concello de Carral e as seguintes panadarías: Panadería Bonome Bouzas, Panadería Manuel Rodríguez e Hijos, Panadería do Pincho, Panadería Pedro Fernández, Panadería Da Cunha, Panadería Mercedes, Panadería Paraíso e Panadería Insua.