Thursday 21 de November de 2024

O Concello retira este luns a duna de Riazor e prepara as súas praias para a tempada de verán


A barreira de area é fundamental para paliar os efectos dos temporais costeiros

O Concello da Coruña acondicionará a partir deste luns 15 de maio a praia de Riazor para a tempada de verán. Está previsto o comezo da retirada da duna de area instalada ao longo do areal empregando maquinaria especializada.

A duna de area instálase cada ano na praia de Riazor para protexer o paseo marítimo das inclemencias meteorolóxicas do mar durante os meses de outono e inverno. Coa chegada do bo tempo, como cada ano, o Concello aplanará a area para o uso estival do areal. Os labores prolongaranse durante os vindeiros días, en función das mareas e da climatoloxía.

Durante o pasado inverno foi necesario intervir parcialmente na duna con maquinaria debido aos diferentes temporais costeiros que se produciron na cidade. A formación de area mantivo protexido o paseo marítimo, a calzada e as vivendas próximas, sen que se producisen incidencias destacadas.

A praia de Riazor e o resto de areais da cidade prepáranse xa para a tempada de verán, que comezará o próximo 15 de xuño. Este ano haberá dúas prazas máis do servizo de socorrismo, o que garantirá a presenza de persoal de maneira permanente na zona de baño do Parrote.