A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, recibiron esta mañá no Consistorio aos integrantes do Cub Fusión Dance, rapazas e rapaces de entre 10 e 18 anos, algúns deles de Narón, que este verán competirán no Mundial de Danzas Urbanas de Phoenix, en Arizona. A rexedora local felicitou aos integrantes do citado club, que recentemente obtiveron o primeiro posto no campionato español de Hip Hop Internacional celebrado en Barcelona, o que lles permitirá competir a nivel mundial.
Ferreiro conversou cos integrantes do club, un total de 37, no salón de plenos, onde lle contaron a súa experiencia nesta modalidade deportiva, tanto a nivel adestramentos como competicións nas que participaron ultimamente. Xunto coa edil de Ensino, a alcaldesa intercambiou impresións coas rapazas e rapaces e ao remate do acto entregoulles unha figura de sargadelos coa forma da árbore da vida, para que lles dea sorte na competición mundial na que participarán.
Os deportistas do Fusion Dance Narón explicáronlle a Ferreiro que se aloxarán nun resort e que afrontan este novo reto moi ilusionados. “É un dobre orgullo que entre este marabilloso equipo que formades tamén teñamos unha representación de Narón” recalcou Ferreiro, que antes de despedirse sacou co grupo unha imaxe deste momento.