O BNG de Culleredo reclama que se auditen as contas do Concello de Culleredo dos anos 2020 e 2021.
Repítese, como en 2019, un abuso descarado da contratación menor en período electoral.
O Goberno de José Ramón Rioboo trata de tapar a súa incapacidade durante os últimos 4 anos cunha chuvia de obras nas últimas semanas.
Culleredo está a viver nas últimas semanas unha choiva de obras que non se encontran publicadas nos portais de contratación pública. Esta ausencia de publicidade, que impide a libre concurrencia, xa lle foi recriminada ao Concello polo Consello de Contas nun informe referido aos exercizos 2017, 2018 e 2019, emitido a instancias da Fiscalía.
Nese informe o Consello de Contas manifestaba que no ano 2019, ano das anteriores eleccións municipais, “advírtese un abuso da contratación menor e e da axudicación directa sen procedemento de contratación, o que acrecenta o risco de supostos fraccionamentos de gasto, superación de límites e elusión dos principios de libre concorrencia, transparencia e integridade”, entre outras cousas.
O BNG de Culleredo sospeita que podemos estar a pagar un sobreprezo para beneficio da campaña do PSOE de Culleredo, polo que solicitamos que o Consello de Contas audite tamén os últimos exercizos económicos. No 2019, ano electoral, o gasto irregular aumenta nun millón de euros con respecto dos outros anos.
Pídeselle tamén ao Consello de Contas que estude dar conta á Fiscalía do seu informe, actualizado cos últimos exercizos económicos, para que esta valore as responsabilidades de calquera tipo (civil, penal ou administrativo) que se poidan derivar.
Cómpre que o Consello de Contas estude se o incumprimento e o total desprezo respecto ao informe dos exercizos 2017, 2018 e 2019, merecen requerimento ao Concello de Culleredo para que cese nesas prácicas e se lle advirta das posíbeis responsabilidades nas que incorre.