A directora de Turismo de Galicia participou nesta programación especial celebrada no marco da presentación da Guía Michelin España e Portugal 2016 que terá lugar o próximo 25 de novembro no Parador dos Reis Católicos en Santiago de Compostela
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na primeira actividade da programación especial ‘Tapas con Estrela’ celebrada no marco da presentación da Guía Michelin España e Portugal 2016 que terá lugar o próximo 25 de novembro no emblemático Parador dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.
Así, a Aula Gastronómica do Mercado de Abastos da cidade compostelá acolleu un showcooking a cargo do chef galego Pepe Solla que exaltou a gastronomía e a cociña galegas a través da elaboración de receitas con produtos galegos de calidade diferenciada.
O cociñeiro galego Estrela Michelin deleitou os presentes coa elaboración dun tartar de vieira e touciño con curri verde, unha navalla con agridoce de pemento e algas e unha tapa de pito de curral marinado con mole e gamba.
En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia destacou que a importancia que leva consigo para a nosa comunidade que a prestixiosa listaxe de establecementos que ostentarán o galardón Estrela Michelin en 2016 sexa anunciado desde Galicia.
Nava Castro sinalou que esta gala constituirá o mellor escenario para a promoción da marca Galicia e dos produtos e cociñeiros galegos e converterá Galicia no epicentro da restauración de alto nivel.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que, grazas a celebración desta prestixiosa gala, que constitúe o evento gastronómico do ano, a nosa comunidade acollerá máis de 400 convidados chegados de todas as partes do mundo que coñecerán de preto unha das principais fortalezas de Galicia, a gastronomía.
Próximas actividades
Por outra parte, mañá sábado o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela acollerá a segunda edición deste showcooking que correrá a cargo da chef Beatriz Sotelo, tamén recoñecida cunha Estrela Michelin.
Neste segundo showcooking de ‘Tapas con Estrela’ os asistentes poderán degustar unha ensalada de lagostino, nabo, encurtidos e champiñóns París e Portobello e un guiso de verdinas frescas, sepia e níscalos.
Ademais destes talleres de cociña, esta programación especial organizada por Turismo de Galicia, ‘Tapas con Estrela’, incluirá un concurso de cociña que terá lugar o próximo luns 23 de novembro no Centro Superior de Hostalería de Galicia.
O concurso, dirixido aos centros de formación de Galicia que contan na súa oferta académica cun ciclo formativo de cociña, premiará a mellor receita de cociña e repostería elaborada con produtos con Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida. O premio para o gañador serán unhas prácticas de verán nun restaurante galego con Estrella Michelin.