Friday 22 de November de 2024

O PP de Oleiros pon en evidencia a pose ecolóxica na xestión da localidade


DENUNCIA AS IMPORTANTES DEBILIDADES EN MATERIA AMBIENTAL E CUALIFICA A SÚA A ACTUACIÓN COMO ECOLOXISMO FAKE

O alcalde de Oleiros presenta a xestión municipal como un exemplo de sustentabilidade e respecto pola natureza, ecoloxía preservada e, se cabe, como concello verde, que sen dúbida o é porque estamos en Galicia e chove.

En opinión dos Populares, a análise do PXOM de Oleiros, adozado sempre por unha linguaxe ecoloxista, pretende colocar o 50% do seu territorio neto en condición de industrial,
residencial e rural. Autosituarse, pois, á vangarda dos logros da xestión ambiental, neste contexto de ocupación do chan é simplemente unha falacia.

En palabras de Loli Silva, candidata do Partido Popular á alcaldía de Oleiros, “o enfoque da xestión do medio ambiente en Oleiros consiste en aparentar e en alimentar a idea de concello verde cando en realidade a xestión do urbanismo, da auga, da mobilidade ou das propias zonas verdes é de moi alto impacto ambiental.

O medio ambiente é concibido polo actual goberno municipal como un instrumento ao servizo da propaganda política de forma sistemática. En resumo, neste terreo podemos cualificar a súa actuación e pose como Ecoloxismo Fake”.

Loli Silva entende que “o concello é consciente desta gran debilidade e por iso fai importantes esforzos encamiñados en gran medida a equilibrar a considerable actividade de ocupación do chan, sobre a base dunha política de creación de grandes áreas verdes, parques e xardíns que, en si mesmos, consomen importantes superficies representadas como hábitats naturais, algúns de gran interese”.

O Partido Popular opina que esta pose leva ao alcalde, unhas veces, aos reiterados intentos de capitalizar os investimentos das administracións que operan en Oleiros, como é o caso da Demarcación de Costas; outras, a mostrar o resultado dos parques e xardíns que desenvolveron os promotores das urbanizacións; e o resto de ocasións, simplemente limítase a mostrar o patrimonio arquitectónico e ornamental dos pazos ou a beleza do monumento natural Costa de Dexo, impulsado pola Xunta de Galicia.

E fronte a isto, conclúen os Populares, a crúa realidade: unha rede de saneamento deficiente, obsoleta e construída con materiais doutra época, como se pode comprobar no arroio que desemboca na praia de Santa Cruz, que non só mostra a súa turbidez senón que as analíticas demostran a súa insalubridade. Non lle vai á zaga a rede de abastecemento, cuxa modernización non se acometeu. A falta de auga –caudal e presión-, as fugas e as conducións de fibrocemento son unha constante en Oleiros, sen que figure nos orzamentos municipais un programa de renovación a medio prazo.