Dará servizo aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa, así como a instalacións como a piscina e o polideportivo municipal e o colexio Cernadas de Castro
Lousame celebrou na noite de onte a derradeira sesión plenaria da lexislatura, prevista para hoxe venres pero que se adiantou por acordo dos tres grupos municipais para non coincidir co inicio da campaña electoral. Unha sesión na que se aprobou o proxecto construtivo de mellora da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame, cun orzamento base de 951.992, 23 euros.
A aprobación inicial do proxecto contou cos votos a favor dos grupos municipais de PP e do BNG, e a abstención do PSOE. Agora será sometido a 20 días hábiles de exposición pública para que as persoas interesadas poidan facer alegacións, especialmente as persoas afectadas polas expropiacións, toda vez que os terreos foron declarados de utilidade pública.
Este proxecto construtivo da mellora da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame dará servizo aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa. Unha actuación que permitirá tamén dar servizo a instalacións como a piscina e o polideportivo municipal, así como ao colexio Cernadas de Castro.
Así mesmo, o Pleno Municipal aprobou tamén un cambio nas achegas municipais a este proxecto: 0 euros en 2023, 105.262,18 euros en 2024 e 116.525,98 euros en 2025. Un cambio aprobado cos sete votos a favor do grupo municipal do Partido Popular e as catro abstencións de PSOE e BNG.
Resto da sesión
No resto da sesión, o pleno aprobou por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito de 66 euros para o pago dunha factura de 2022 presentada en marzo de 2023. Así mesmo, deuse o visto bo á adaptación da ordenanza fiscal por licencias de urbanismo e comunicacións previas á nova normativa (cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSOE) e o establecemento dun prezo polas visitas ao complexo museístico de San Finx:
– Tarifa xeral de 2 euros para persoas de 6 a 64 anos.
– Tarifa reducida de 1 euros para persoas empadroadas en Lousame e grupos escolares
– De balde para menores de 5 anos e maiores de 65.
As tarifas foron aprobadas cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención o BNG.