Encontro “Faladoiros de onte e antonte” que se desenvolveu ao longo desta mañá xuntando na Casa da Cultura á rapazada de ESO e de 6º de Educación Primaria do CPI e a varias veciñas e veciños de San Sadurniño, que parolaron co alumnado sobre canto cambiou o mundo con respecto a cando tiñan a súa idade.
“Foi un exercicio de memoria colectiva, pero tamén de transmisión de saberes -ditos, contos, xeitos de vida…- e da oralidade que mantén vivo o noso maior tesouro inmaterial: a lingua”, comentou a concelleira de Cultura, Amparo Calvo.
A responsable municipal mostrouse “moi satisfeita” polo resultado dunha actividade na que as mozas e mozos “foron moi participativos, preguntando unha chea de cousas e escoitando atentamente todo o que os maiores lles tiñan que contar”.
Desde a área de Cultura agradeceuse a participación do profesorado do centro de ensino e das persoas que acudiron ao chamamento lanzado polo Concello hai uns días para levar a cabo o encontro. “Chano, Chunando, Maruja da Coruxa, Marisa de Casal, Mari Carmen e Ángela de Parada e Manolo Ardao, así como varias usuarias e usuarios do Centro de Día, que tamén se achegaron ata a Casa da Cultura, fixéronnos pasar unha mañá marabillosa e moi enriquecedora, sobre todo para esta xeración nova que ten a encomenda de preservar a nosa lingua e a nosa cultura”.
Amparo Calvo tamén lle agradeceu ao cantautor Diego de Braelle, que se viñese desde Couzadoiro “para cantarnos varias pezas compostas por el e participar nunha das mesas de traballo”. Ademais do cantautor ortigueirés, durante a mañá tamén actuou o grupo “Ferreñas Club” -formado por alumnado do colexio-, “que nos demostrou que a música tradicional ten un grande futuro na comarca”, asegurou Calvo.
As actividades con motivo das Letras Galegas proseguen a semana que vén cos espectáculos infantís “Brincadeiras da lingua” e “Fazulas e o ladrón de paraugas” que se representarán na Casa da Cultura os días 18 e 19 de maio, respectivamente. Ademais, ata fin de mes pode visitarse na Casa do Concello a exposición “Ilustres das Letras”, composta por 25 caricaturas de Siro López doutros tantos persoeiros homenaxeados ao longo da historia do 17 de Maio, incluído Francisco Fernández del Riego.