Un novo nome do panorama literario asóciase ao de Carlos Mosteiro: trátase de María Canosa, prolífica escritora que resultou gañadora da quinta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro coa obra Teño un volcán dentro. Este plasma a historia dun rapaz coa síndrome de Asperger que chega a un novo centro educativo e narra o seu proceso de integración, ademais da adaptación do seu círculo próximo á situación.
Ao abeiro da programación do Maio das Letras Galegas, na mañá deste día 12 efectuouse a entrega da distinción no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal da man da concelleira da Cultura, Patricia Lojo; o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; e Encarna Pego, no nome da A. C. Barbantia. Así mesmo, procedeuse coa presentación da obra ante alumnado do 5.º e 6.º curso do CEP Salustiano Rey Eiras.
O nome da autora súmase á listaxe de galardóns do referido certame literario nas convocatorias previas: Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; e repetiu novamente Neira Cruz con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos.
O premio supón unha dotación económica de 3000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada pobrense para así inculca-lo hábito lector nas xeracións máis novas.
Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, eríxese como un referente no panorama galego que busca promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como homenaxea-lo escritor Carlos Mosteiro.