Friday 22 de November de 2024

Feijóo sinala que coa nova Estratexia de eficiencia enerxética no sector público 2015-2020 a Xunta reducirá o seu consumo enerxético á metade e aforrará 130 millóns de euros


Salienta que se levarán a acabo actuacións en sete eixos: contratación centralizada, investimentos, regulación normativa, xestión, apoio e asesoramento, estudos, seguimento e avaliación de resultados

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que a Estratexia de aforro e eficiencia enerxética 2015-2020 aprobada hoxe polo Consello, logrará reducir á metade o consumo enerxético da Administración autonómica.

Ademais, Feijóo engadiu que a Estratexia tamén permitirá acadar un aforro enerxético acumulado de máis de 430 xigavatios/hora, evitará a emisión á atmosfera de máis de 140 toneladas de CO2 e logrará un aforro para as arcas autonómicas de preto de 130 millóns de euros. “Unha cantidade que poderá ser destinada a fins máis proveitosos para a sociedade galega”, dixo.

Segundo destacou o máximo responsable da Xunta, a eficiencia enerxética é un obxectivo prioritario para este Goberno xa que produce beneficios en dous sentidos, o ambiental e o económico, ao permitir contaminar menos e aforrar máis.

Con respecto a isto, o presidente da Xunta lembrou que nos últimos anos o Goberno galego xa realizou importantes avances cara a reducir o gasto enerxético, coa aprobación do Plan de aforro e eficiencia enerxética na Administración Pública ou a incorporación da biomasa como fonte de enerxía nos centros sanitarios, entre outras. Unhas medidas, que permitiron un aforro de preto de 20 millóns de euros e evitaron a emisión á atmosfera de 30 millóns de toneladas de CO2.

Orzamento e liñas de actuación
No tocante á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o período 2015-2020, o mandatario galego sinalou que se levarán a acabo máis de 240 actuacións en sete eixos: contratación centralizada, investimentos, regulación normativa, xestión, apoio e asesoramento, estudos, seguimento e avaliación de resultados.

Así, as primeiras actuacións estarán vinculadas á contratación centralizada do subministración enerxética de toda a Xunta e ao investimento en proxectos de aforro, eficiencia enerxética e enerxías renovables nos edificios públicos, así como a continuación do desenvolvemento normativo do Plan Aforro.

O cuarto eixo ou liña de actuación, estará encamiñada á optimización enerxética, por un lado impulsando melloras nos sistemas, procesos e procedementos internos; e por outro, apostando por sensibilizar a traballadores e usuarios. Nese sentido, a quinta liña de actuación afondará nos plans de sensibilización, formación e asesoramento a técnicos, traballadores públicos e usuarios e promoverá a figura do xestor enerxético.

As últimas liñas de actuación atenderán á realización de estudos que indiquen onde se pode seguir reducindo o gasto enerxético ou ao deseño dun sistema de seguimento e avaliación da estratexia, a través dunha comisión de seguimento que coordinará o Inega.

No que se refire ao custo da implantación da estratexia, o presidente da Xunta sinalou que o orzamento ascenderá a preto de 36 millóns euros. Dos cales, 12,5 se destinarán a mellorar a eficiencia enerxética dos centros administrativos, 10 millóns de euros a continuar pola senda do Proxecto Ecospital e facer que os centros sanitarios sexan máis eficientes, 2,5 millóns de euros destinaranse aos centros sociais e finalmente 10,9 millóns achegaranse aos centros educativos e culturais.

En definitiva, esta estratexia de aforro enerxético que será integral, eficiente, coordinada e exemplar, “permitirá racionalizar o gasto enerxético e optimizar os recursos públicos, sen que isto afecte a calidade dos servizos que se prestan”, sinalou.