Friday 22 de November de 2024

O Concello instalou máis de medio cento de colectores de pilas usadas en edificios e escolas municipais


O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, informou da instalación de algo máis de medio cento de colectores de pilas usadas en edificios e escolas municipais. “Este novo servizo, incluído no contrato de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns, favorecerá aínda máis a reciclaxe das pilas usadas, que tamén se poden depositar nos novos puntos limpos de proximidade e no Punto Limpo localizado no polígono de Río do Pozo”, explicou.

A Casa da Mocidade, o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, o Auditorio municipal, o Pazo da Cultura, a Casa da Cultura, a Biblioteca Municipal, os centros de maiores, Aldea Nova, o Muíño de Pedroso, as instalacións do Speis e de Sevizos, os centros cívicos sociais da zona urbana e rural, o campo de fútbol do Feal e o pavillón da Gándara son, a maiores dos centros de ensino, os espazos nos que se instalaron os colectores.

O edil de Servizos apuntou que “as pilas teñen unha serie de compostos químicos que teñen efectos nocivos no medio ambiente, polo que é moi importante concienciarnos da importancia de depositalas nos colectores axeitados, ao igual que outros materiais e produtos”, ao tempo que agradeceu a implicación veciñal en materia de colaboración.