Ofértanse un centenar de prazas máis que o ano pasado. O prazo de preinscrición comezará o vindeiro o luns 22 de maio
Os Campacoles incrementan a súas prazas ata as 1.800 e suman un colexio máis
O Concello da Coruña ofrecerá este verán un total de 7.361 prazas nos campamentos infantís que organizan as diversas áreas municipais. Son un cento de prazas máis que o ano pasado para que os menores e a mocidade da Coruña poidan gozar de todo tipo de actividades de lecer, deportivas e aprendizaxe do inglés, facilitando a conciliación das familias durante as vacacións escolares.
Destaca o incremento de prazas nos Campacoles, organizados pola Concellaría de Educación en colaboración coas ANPA da cidade. Ofertarase este ano esta modalidade en oito centros escolares, un máis que o ano pasado. A área municipal de Educación oferta, ademais, os campamentos de inglés Summer Talk.
Tamén se incrementan as prazas da Escola de Verán da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), uns campamentos gratuítos organizados pola Concellaría de Comercio, Mercado, Consumo e Barrios, onde os nenos e nenas poden aprender, de forma divertida, pautas de consumo responsable.
O maior número de prazas está nos campamentos organizados pola Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá nas súas tres modalidades: campamentos urbanos nos centros cívicos municipais, os campamentos de día que acolle o colexio Calasanz e os campamentos tradicionais de pernoctación, que este ano terán como sede o albergue rural Vilariño de Conso, en Ourense.
Esta ampla oferta complétase cos campamentos deportivos, que se realizan nas instalacións deportivas de Riazor, a Cidade Deportiva da Torre ‘Arsenio Iglesias’ e os pavillóns polideportivos do Barrio das Flores e Novo Mesoiro. Tamén cos campamentos promovidos pola área municipal de Mocidade, para rapazas e rapaces de 12 a 17 anos.
Prazos relativos ao calendario de inscrición
O calendario de inscrición é o seguinte:
● Preinscrición: 22, 23 e 24 de maio.
● Publicación listaxes de menores preinscritos: 29 de maio.
● Subsanaciones: 30 e 31 de maio.
● Sorteo das prazas: 1 de xuño.
● Publicación de listaxes de admitidos: 6 de xuño, na web do Concello.
● Aboamento das cotas: 7, 8 e 9 de xuño.
● Chamadas á listaxe de agarda: a partir do 13 de maio.
A preinscrición poderá levarse a cabo de forma telemática a través da ficha específica dos Campamentos Municipais de Verán 2023 que se habilitará a través da web do Concello.
As e os menores participantes deberán cumprir os requisitos específicos dos campamentos nos que se inscriban, e para a obtención de praza terán preferencia as e os menores empadroados no Concello da Coruña e aqueles cuxos ambos os proxenitores estean traballando ou teletraballando no caso de familias monoparentais. A oferta inclúe prazas para menores con diversidade funcional.