O IES da Pobra do Caramiñal converteuse nestes días en anfitrión dunha nova delegación de visitantes ao abeiro do proxecto Erasmus+. Nesta ocasión, desprazouse á localidade un grupo de trinta persoas, entre alumnado e profesorado, procedentes de Portugal, Italia, Turquía, Romanía e Finlandia. Trátase da terceira recepción do actual curso escolar despois da República Checa e Hungría.
Dentro da liña estratéxica de Healthy Outcomes of Probiotic Education (HOPE), durante toda a semana afondaron no eido da alimentación a través de distintas charlas e actividades, ademais do intercambio cultural que posibilita esta experiencia para a rapazada.
De feito, na mañá deste 12 de maio coñeceron o Museo Valle-Inclán nunha visita comentada para despois asistiren ao teatro cine Elma e procederen co resto de citas programadas para esta xornada. Ata alí desprazouse o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, para manter un encontro coas persoas que toman parte deste proxecto e que regresan aos seus países de orixe nesta fin de semana.
“Agardo que tivésedes unha grande estancia na localidade cuns anfitrións marabillosos e desfrutásedes da nosa cultura, paisaxe, gastronomía e, o máis importante, a nosa xente”, manifestou o rexedor, quen fixo fincapé na influencia positiva que ten este tipo de experiencias no desenvolvemento persoal e educativo da mocidade e, neste senso, felicitou o instituto pobrense polo seu arduo traballo.
En representación deste, o seu director, Alejandro Bobillo, amosouse satisfeito por seguir participando neste tipo de iniciativas que contribúen a estreitar lazos entre distintas nacións para así construír unha Europa en conxunto. A este respecto tamén se referiron Alois Weimer e Serafino Lo Cascio, no nome das institucións educativas de Finlandia e Italia, respectivamente. Ambos avogaron pola fraternidade e construír pontes para o entendemento.
Unha vez finalizada a quenda de intervencións, tocou desfrutar da música da man de Clara Pino e Pablo Vidal e seguir aprendendo sobre nutrición.