Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño aproba o protocolo de asignación de material técnico para persoas dependentes


O Concello investiu algo máis de 14.000 euros de recursos propios na merca de camas articuladas, guindastres e outro equipamento destinado á atención domiciliaria

A Xunta de Goberno Local deulle o visto e prace na súa sesión desta semana ao protocolo que rexerá a asignación de material de axuda -guindastres, camas articuladas e outro equipamento- para persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, tanto se teñen recoñecida a dependencia como se se trata de usuarias de libre concorrencia. O protocolo reflicte os criterios técnicos que se seguirán para atender as solicitudes, de acordo coa baremación de catro aspectos: o grao de dependencia ou situación equiparable, a capacidade económica da persoa usuaria, a valoración por parte de Servizos Sociais de se existe ou non unha situación de risco e, por último, se a usuaria ou usuario solicitante conta con axuda familiar ou rede de apoio no domicilio. A solicitude do material poderá facerse durante todo o ano e será o persoal de Servizos Sociais quen estude cada petición. As persoas usuarias e as súas familias -ademais das profesionais do SAF- terán á súa disposición o equipamento asignado mentres dure a situación que orixinou a súa concesión.

Os dispositivos que agora se poñen a disposición da veciñanza foron adquiridos polo Concello hai uns meses cun investimento lixeiramente superior aos 14.000 euros, procedentes dos remanentes da Tesouraría municipal. Trátase de 6 camas articuladas e 6 guindastres especiais para a mobilización de persoas dependentes, ademais doutros accesorios, cos que se pretende mellorar a calidade asistencial no domicilio para as persoas usuarias do SAF, pero tamén previr lesións e facilitar o labor tanto das traballadoras do servizo como das persoas coidadoras na contorna familiar.

As camas articuladas e motorizadas permiten facer un cambio de postura sen esforzo por parte do persoal de axuda, que pode regular en segundos a posicións máis axeitadas para cada momento -durmir, inxerir alimentos, hixiene, erguerse ou deitarse, etc.-, ademais de adaptárense en altura para facilitar a incorporación da persoa usuaria e o traballo do persoal de atención.

No caso dos guindastres, o Concello adquiriu cinco modelos para o cambio postural e a transferencia de persoas dependentes, imprescindibles cando a mobilidade é mínima ou nula. Os aparellos -dotados de motorización eléctrica, eslingas e arneses- están pensados principalmente para erguer as usuarias e usuarios da cama ou para volvelos deitar, así como para o seu cambio a un asento na mesma estancia ou noutra do domicilio.

A maiores tamén se dispón dun guindastre específico para bipedestación, deseñado para aquelas persoas usuarias que precisan asistencia pero que aínda poden soportar o seu propio peso e axudar na mobilización por teren certa forza en brazos e pernas.

O investimento en camas e guindastres -13.023,90€- complétase con outras axudas técnicas, como unha cadeira de baño, un brazo incoporador, unha saba superdeslizante, un disco de transferencia -para que a persoa poida ser xirada estando de pé sen sufrir torsións- e unha táboa de transferencia curva, que funciona como punto de apoio, por exemplo, entre unha cadeira de rodas e unha cama. Este equipamento menor -aínda que igualmente importante- tivo un custe de 1.129,81 euros.

Criterios de asignación do material
O protocolo de distribución domiciliaria deste equipamento establece os criterios baremables que se aplicarán para a súa asignación, á que poderán acceder persoas usuarias do SAF que teñan recoñecidos graos de dependencia ou que se atopen nunha situación equiparable e dispoñan do servizo municipal na modalidade de libre concorrencia.

O nivel obxectivo de dependencia será o factor que primeiro se valore, cunha escala que vai desde os 0 ata os 3 puntos en casos Grao III ou dependencia total, segundo o índice Barthel.
En segundo lugar analizarase a capacidade económica, que vai desde os 0 ata os 4 puntos que obtería unha persoa usuaria que non chegue ao 80% do IPREM (o 0,8 do indicador de renda serían 480€ neste 2023).
O terceiro aspecto, seguindo a orde de prelación, será a valoración por parte de Servizos Sociais da existencia ou non dunha situación de risco (0 ou 1 punto)
O cuarto e último criterio de puntuación acumulable será a dispoñibilidade por parte da persoa usuaria dunha rede de apoio no seu entorno: 0 puntos se ten axuda e 1 punto se non conta con familiares ou persoas próximas que lle axuden.
Unha vez asignado o equipamento, será o persoal do Concello quen se encargue de levalo e, de ser o caso, instalalo no domicilio. O préstamo do material técnico manterase polo tempo que dure a situación que orixinou a solicitude e posterior valoración. As usuarias e usuarios beneficiarios deste servizo ceberán conservalo en boas condicións e a usalo de maneira axeitada, ademais de comprometerse a volvelo en calquera momento se xa non o precisan.