Thursday 21 de November de 2024

As invitacións para o AgoraSón Primavera, con Abraham Cupeiro, poden recollerse desde hoxe


A actuación, que se celebrará o venres 19 de maio no Ágora, forma parte da programación da Semana C, que conmemora o Día das Letras Galegas

A noite do venres 19 de maio actuará dentro do AgoraSón primavera Abraham Cupeiro, interpretando “Os sons esquecidos” cunha orquestra de cámara atlántica, ás 21.00 horas no auditorio do Centro Ágora. O Concello da Coruña, a través do Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración coas Bibliotecas Municipais, conmemorará o Día das Letras Galegas co seu tradicional AgoraSón primavera, cun concerto de Abraham Cupeiro. A actuación forma parte da programación da Semana C, que inclúe diversas actividades culturais, lúdicas e divulgativas para festexar o Día das Letras. Os actos comezan hoxe ás 18.00 horas na Biblioteca dos Rosales co espectáculo ‘Raio de Loubicán’, do teatro de títeres Mircromía.

Cupeiro recupera instrumentos da antigüidade para achegalos ao público de hoxe en día, aplicando neles o seu eclecticismo de estilos e ritmos. Entre os seus traballos máis destacados están “Pangea” ou “Os sons esquecidos”, gravado xunto coa Filharmonía de Galicia, que interpretará nesta edición do AgoraSón.

Nesta actuación de “Os sons esquecidos”, na que estará acompañado dunha Orquestra de Cámara Atlántica, poderemos velo co seu icónico Karnyx de Tintignac -que tanto sorprendeu a David Broncano no seu programa “La Resistencia”- evocar os sons máis atávicos mesturados coa música moderna, nunha viaxe pola historia da música máis antiga e máis actual. Esta recuperación dos sons antigos estará moi vencellada á recuperación do idioma, pois camiñan por unha senda paralela en funcións, usos e traxectorias de vangarda.

O acceso ao concerto será por medio de invitacións que reparten desde hoxe as bibliotecas municipais coa retirada de material en galego, tanto libros como material audiovisual. Por cada retirada de material terase dereito a dúas invitacións. A repartición estará dispoñible ata esgotárense. As quendas para poder recollelas será a partir das 09.00 horas, agás en Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas; xa pola tarde, poderanse recoller desde as 16.00 horas, agás no Punto de Servizo de Mesoiro, que será desde as 17.30 horas. Se quedasen entradas sen repartir quedarían a disposición das persoas interesadas o mesmo día da actuación, o 19 de maio, no despacho de billetes do Ágora. Estas invitacións non son numeradas.

O AgoraSón é un dos programas tradicionais do Servizo de Normalización Lingüística, que xa tivo nos seus carteis a artistas da categoría das Tanxugueiras, Ruxe Ruxe ou Luar na Lubre.