Sinala que este acordo permitirá dar continuidade ás subvencións aprobadas pola Xunta para rebaixar un 25% o importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, e un 50% na segunda e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas, cando o usuario empregue o dispositivo de telepeaxe
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a decisión do Consello da Xunta de desbloquear un crédito de 2,36 millóns de euros para garantir a continuidade das subvencións das peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e a do Val Miñor (AG-57), de xeito que sigan sendo das máis baratas de España.
Segundo explicou ao termo da xuntanza semanal do Executivo autonómico, este acordo permitirá á Xunta renovar o convenio coa sociedade concesionaria destas dúas autoestradas autonómicas para manter as rebaixas en vigor ata o ano 2019.
Feijóo sinalou que a medida aprobada hoxe polo Consello permitirá dar continuidade ás subvencións introducidas pola Administración autonómica en 2010 que permiten, por unha banda, rebaixar un 25% o importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta. E, por outra, o desconto do 50% na segunda e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas, cando o usuario empregue o dispositivo de telepeaxe.
Deste xeito, indicou que ademais de ter garantidas as bonificacións desde 2010 que este Goberno introduciu por primeira vez, e de que por segundo ano consecutivo a Xunta mantivera en 2015 as peaxes de ambas as dúas autoestradas conxeladas, garántese a bonificación aos usuarios destas vías ata 2019. Así, tanto a autoestrada A Coruña-Carballo como a do Val Miñor seguirán sendo das máis baratas de España e con contías significativamente menores que as medias.
Favorecer a mobilidade e a intermodalidade no transporte
Feijóo lembrou que esta medida súmase a outras adoptadas pola Xunta para favorecer a mobilidade dos galegas e das galegas, como a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano, activo xa en 65 municipios; o billete combinado tren-bus, para acceder a calquera das tres terminais aéreas galegas; ou as estacións intermodais que se van construír en Vigo, A Coruña e Santiago.