Thursday 21 de November de 2024

O programa do BNG de Arteixo propón unha batería de medidas para lograr un concello “pensado para as persoas e con mellores servizos”


A formación nacionalista defende actuacións encamiñadas a unha maior transparencia e comunicación coa veciñanza, aposta decidida polo comercio de proximidade e produtos de quilómetro cero, un programa cultural e de actividades ou unha mobilidade sustentable e unha economía e desenvolvemento sostible.

Xurxo Couto: “Merecemos un Arteixo capaz, ben xestionado e sustentábel, con impostos adaptados á capacidade económica da súa poboación. Un Arteixo coa promoción económica e o emprego, que estea a carón do comercio local, das autónomas e autónomos e das e dos creadores de Arteixo.

 

O BNG de Arteixo presenta un programa electoral con medidas que teñen como obxectivo lograr un concello “centrado para as persoas e con mellores servizos”. Esta batería de medidas, que está dispoñible na web da formación política, preséntase en seis grandes bloques: Parroquias, Medio Ambiente, Mobilidade, Economía e Desenvolvemento Sostible, Servizos Públicos Municipais, e Cultura, Deportes e Sociedade.

“Merecemos un Arteixo participativo e transparente. Un goberno que non mire para outro lado nas cuestións medioambientais. Merecemos alternativas de transporte público eficaces e planificadas no conxunto da comarca. Merecemos políticas de apoio aos produtos de proximidade e ao comercio local. Merecemos máis servizos e menos cemento. Merecemos un Arteixo que defenda e recupere o seu patrimonio e a historia, que apoie á lingua e á cultura”, defende o candidato do BNG, Xurxo Couto

Os nacionalistas propoñen dinamizar a vida veciñal o programar xuntanzas veciñais mensuais. Ademais dunha maior transparencia e unha xestión coordinada do Concello, queren crear unha Oficina de Apoio a Trámites Administrativos, porque “as persoas son o máis importante da política municipal e deben poder relacionarse coa administración de forma sinxela”, subliña Couto.

A protección dos recursos ambientais, naturais e produtivos e desenvolver o potencial do territorio son outras das cuestións que expoñen. Así, a formación nacionalista defende o consumo de produtos quilómetro cero nas instalacións públicas e fomentalo no comercio e hostalaría, ademais de crear o selo de calidade Horta de Arteixo para os produtos do municipio.

No eido da mobilidade, o BNG considera que a maneira de acadar un transporte público eficaz pasa por planificalo no conxunto da comarca. Por outra banda, Arteixo continúa cunhas normas urbanísticas dos anos 90, “desfasadas e incapaces de dar solucións aos problemas actuais e futuros do municipio. Nós apostamos por un urbanismo inclusivo, democrático, equilibrado e seguro, onde os espazos públicos sexan de calidade e accesíbeis”, afirma Couto.

Unha das máximas que defende o BNG é “máis servizos e menos cemento”. Para elo, defenden uns servizos municipais de xestión pública, eficaces e de calidade e que se asegure o acceso a toda a veciñanza. Impulsarán o centro de maiores Donos de Nós. Un modelo que garante unha vellez en condicións dignas que favorece a vida independente e ofrece un coidado integral. Así como a creación de dunha Rede de Puntos Seguros para vítimas de violencia machista. Outra das políticas socias incluídas no programa e a posta en marcha de medidas que faciliten o acceso á vivenda digna e e con prezos asequíbeis.

A recuperación do patrimonio e historia de Arteixo, o apoio á lingua, á cultura, á creatividade ou o fomento do asociacionismo deportivo e cultural tamén están presentes no programa. De chegar ao goberno local, o BNG porá en marcha un museo etnográfico e un Parque da Memoria, entre outras iniciativas.

“Merecemos un Arteixo pensado para as persoas, con mellores servizos e apostar no público. Un Arteixo feminista, participativo, transparente e diverso. Un Arteixo capaz, ben xestionado e sustentábel, con impostos adaptados á capacidade económica da súa poboación. Un Arteixo coa promoción económica e o emprego, que estea a carón do comercio local, das autónomas e autónomos e das e dos creadores de Arteixo”, resume Couto.