Friday 22 de November de 2024

O BNG organiza un encontro diante do Pazo de Xaz sobre ordenación do territorio, no que se debaterán propostas para os próximos anos neste sector básico en Oleiros


Iván Roca destaca a «clarísima e preocupante relación existente en Oleiros entre a ordenación do territorio, a mobilidade e o medio ambiente».

O BNG organizará un encontro en Oleiros coa veciñanza no que se falará e debaterán diversas propostas para este sector.

Este encontro terá lugar contra as 12.30 horas do sábado 13 de maio diante da porta principal do Pazo de Xaz (Dorneda)

No encontro participarán o portavoz municipal e candidato da formación nacionalista en Oleiros, Iván Roca, xunto con outros membros da agrupación local e da candidatura, co obxectivo de informar sobre a visión do BNG na materia do urbanismo e a ordenación do territorio.

O BNG considera esta materia como a cerna e a orixe dos problemas máis importantes do Concello. O modelo urbanístico programado no 2014 ficou obsoleto e nova realidade demanda unha racionalidade que permita establecer un modelo territorial sustentábel comprometido coa protección do medio ambiente e a paisaxe, a mobilidade, o comercio de proximidade e vivenda accesíbel para todas. Para iso, comprometémonos a realizar políticas encamiñadas a frear un modelo urbanístico extensivo e incompatíbel cunha mínima sustentabilidade.