Saturday 16 de November de 2024

O BNG de Oleiros dá comezo á campaña electoral na parroquia de Nós


Ademais de ter unha lembranza para os militantes históricos desa parroquia, a máis esquecida de Oleiros, o candidato, Iván Roca, quixo lembrar as persoas represaliadas que se homenaxean na Praza da Liberdade

Un grupo de militantes e membros da candidatura deron o inicio simbólico á campaña electoral para as eleccións municipais, para arroupar o seu candidato, na histórica Praza da Liberdade, na que quixeron lembrar unha das parroquias menos atendidas de Oleiros. Roca citou o propio Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel de Oleiros: «os problemas que persisten, e deben resolverse para acadar un correcto nível dotacional para o conxunto das parroquias e dos núcleos máis povoados, son certos desequilíbrios espaciais que afectan nomeadamente á parroquia de NÓS».

Iván Roca quixo destacar neste día a ilusión coa que asume a campaña electoral e a encomenda que lle fixo a asemblea local. Roca é portavoz municipal do BNG en Oleiros desde o mes de xaneiro, e encabeza a candidatura nacionalista acompañado de militantes e simpatizantes das diferentes parroquias e con distintas procedencias e contextos laborais.

O obxectivo da súa campaña é alargar os apoios do proxecto nacionalista en Oleiros, cuxos eixos fundamentais sexan o diálogo e o consenso, como xeito de facer política en positivo e construtiva, na proximidade e co obxectivo da mellora da vida das persoas. Roca indicou que «no BNG de Oleiros estamos convencidos e convencidas de que Oleiros merece un modelo de concello pensado para a veciñanza. Non cremos que as cifras de récord en licenzas de obra, dos gastos en propaganda, dos hipermercados ou ser líderes en desprazamentos en vehículos particulares cada día sexa positivo para a vida das persoas que vivimos en Oleiros, e desde logo non o consideramos un sinal de progreso. Cremos que o modelo que merece Oleiros é o dun urbanismo e unha mobilidade para as persoas, apoio decidido ao pequeno comercio de proximidade, e que informe á veciñanza de xeito obxectivo».
Nos próximos días farán darán a coñecer o programa electoral completo, e o próximo acto de campaña será este sábado 13, na entrada do Pazo de Xaz, para falar sobre o modelo urbanístico municipal.