“O BNG está nun gran momento, no mellor da súa historia. Fronte a un PP que representa o pasado, un proxecto esgotado, sen ideas e sen impulso, o BNG representa o porvir, a nova Galiza que xa estamos construíndo colectivamente concello a concello. Estou convencido de que estas eleccións municipais van supoñer un grande salto adiante para o BNG”, así o afirmou o responsable do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral.
Desde o BNG destacan dúas fortalezas: a primeira son as súas candidaturas, formadas por “brillantes homes e mulleres” que van dar o mellor de si mesmas para empezar a construír “unha nova Galiza, concello a concello”, indicou. “A segunda fortaleza é unha corrente de simpatía cara o BNG que non deixa de medrar e que comparten cada vez máis galegos e galegas que ven en nós a alternativa real fronte ao de sempre”, argumentou.
Pérez Barral, tamén candidato á Alcaldía de Ribeira, lanzou unha mensaxe para convidar a participar intensamente na campaña, asistindo aos actos, falando con amizades e veciñanza e animando a conseguir apoios. “Este é o momento do BNG, comezamos unha campaña que vai estar cargada de entusiasmo, onde saímos conscientes da responsabilidade de que moita xente ve en nós esperanza para mellorar o seus concellos”.
“Os gobernos BNG transforman en positivo mellorando a vida das persoas; xestionan con eficacia e con transparencia; aportan solucións de vangarda aos grandes retos que temos encima da mesa, poñen en marcha concellos inclusivos, feministas, igualitarios e profundamente democráticos e alí pon en marcha concellos dinámicos no económico, no social, no cultural e profundamente orgullosos da súa identidade”, sintetizou.