Friday 22 de November de 2024

Sánchez Bugallo no inicio da campaña: “Imos gañar as eleccións e construír o gran Santiago que a cidadanía demanda e que Galicia merece”


Arroupado polo ministro de Sanidade e o Secretario Xeral do PSdeG, o alcalde asegurou ir “a por todas”: “Despois de catro anos tan duros, con pandemia e guerra polo medio, temos os mellores datos de emprego, os maiores niveis de renda, a maior afluencia de visitantes na cidade e vivimos a máis grande expansión de solo industrial dos últimos tempos” e agora “queremos máis, prepararnos para a gran transformación”

Co aval de “catro anos nos que se fixo máis que nos oito anteriores” o alcalde, Sánchez Bugallo inicia a campaña cara o 28 de maio “con forzas renovadas, ilusión e vocación de seguir transformando a cidade” preparando Compostela para o que será o “terceiro gran salto”: “este Santiago quedou pequeno, temos que pensar en construír o novo Santiago no que os barrios formarán parte do núcleo da cidade”.

Acompañado polo ministro de Sanidade, José Miñones e o secretario xeral do PSdeG, González Formoso, o alcalde asegurou “non poñerse límites”: “seguiremos a traballar pola igualdade e a inclusión, atendendo cada día ás veciñas e veciños que máis o necesitan, aos nosos maiores, e construíndo oportunidades para esas nenas e nenos, mozos e mozas que son o noso futuro” e que “queren construír aquí o seu proxecto de vida, na mellor cidade do mundo”.

“Por todos eles, por todo isto, imos gañar as eleccións”

“Santiago vai, e nós vamos con el” asegurou o alcalde, convencido de que os datos de Santiago son os mellores de calquera das cidades galegas: “temos os mellores datos de emprego, os maiores niveis de renda, a maior afluencia de visitantes na cidade, vivimos a máis grande expansión de solo industrial dos últimos tempos, a maior implantación de empresas e a maior incorporación de novos emprendedores”.

Un éxito que fai “que todo se nos quede pequeno”: “os polígonos industriais, o aeroporto, a Intermodal… agora que Santiago Vai é o momento de dar un salto cara adiante” destacou o alcalde que fixa como prioridades “ofrecer emprego, crear vivenda, facer medrar a cidade, aumentar a articulación interior e integrar o Santiago que está fóra de Compostela”.

“É o momento de construír este gran Santiago no que o rural será parte fundamental” recalcou Sánchez Bugallo ante unha Praza de Mazarelos chea de veciñas e veciños aos que lles pediu “compromiso” e “esforzo”: “para construír ese gran Santiago que vos propoño necesito de cada un de vós”. O alcalde que anunciou ademais que o próximo luns presentará o programa electoral co que transformará Compostela a partir do 28 de maio.