Unha palabra pode conter todo un universo no seu interior e evocar tantas emocións e lembranzas como persoas as experimentaron. O libro Entre nós toma como referencia o haiku, breve poema xaponés, para, a partir dun vocablo, confeccionar dous relatos: un a través da mirada de Emilio Castro e outro de Carmen Fernández.
O resultado son vinte e catro breves narracións ficticias en galego acompañadas de ilustracións froito do talento e imaxinación de Fran Muñiz. Ao abeiro da programación do Maio das Letras Galegas, a presentación desta obra colectiva efectuouse na tarde deste 11 maio no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, coa banda local Moito! como responsable do toque musical.
Durante a súa intervención, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, referiuse á literatura como espazo de creación colectiva e non só individual como se adoita asociar. Deste xeito, as letras “crean un vínculo entre as partes implicadas no proceso de creación que traspasa o papel, ademais de sucederse unha retroalimentación no ámbito cultural.”