Friday 22 de November de 2024

A cobertura da fibra óptica chegará a todo o territorio do termo municipal


O alcalde mantivo unha reunión cos responsables de Comfica, a empresa contratada por Telefónica para executar os traballos.

O cen por cen do territorio do Concello da Laracha disporá de cobertura para a conexión a internet por fibra óptica. Así foi trasladado ao alcalde, José Manuel López Varela, e aos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López, por parte dos responsables de Comfica, a empresa contratada por Teléfonica para executar as obras de despregamento da rede de banda larga.

Despois das xestións realizadas desde o Concello directamente con Telefónica, ditos traballos reanudaranse en breve, levándose a cabo unha serie de intervencións en varias localizacións do municipio dirixidas tanto a prolongar a rede para dar cobertura a zonas que carecen dela como a dotar co servizo a tramos de fibra oscura, é dicir, aqueles nos que está instalado o cableado pero que non contan actualmente con conexión.

As primeiras actuacións realizaranse a partir de mañá entre o núcleo da Xesteira e a parroquia de Lemaio, afectando as obras a un tramo soterrado de canalización situado na glorieta dun extremo do parque empresarial.

O segundo punto de intervención será entre Estramil e A Barreira (parroquia de Torás), grazas ao que se dará servizo ás zonas de Estramil de Abaixo e A Braña. Precisamente neste lugar os representantes municipais mantiveron unha reunión con responsables de Comfica para definir as actuacións que se van a executar. O Concello permitirá a Telefónica empregar a canalización soterrada xa dispoñible para os diferentes servizos municipais, polo que ademais de reforzar a cobertura de fibra óptica tamén serán eliminados das beirarrúas os postes do tendido aéreo, o que repercutirá nunha maior comodidade para os peóns e no incremento da seguridade viaria na estrada principal de Estramil.
As seguintes obras programadas localízanse desde O Peón (parroquia de Lestón) ata Os Muíños (Coiro), e outra desde o núcleo urbano de Paiosaco, xunto ao campo da feira, ata A Cachada (parroquia de Lestón).

Ademais, durante os próximos meses tamén se executarán outras actuacións puntuais de menor entidade en varias localizacións nas que así se requira para completar a cobertura na totalidade do territorio municipal.

O Concello ten no momento actual todas as solicitudes de licencias de obra ou autorizacións municipais para a execución de actuacións relativas ao despregamento da rede de banda larga de internet contestadas e resoltas. A inmensa maioría dese tipo de solicitudes son comunicacións previas que levan implícita a concesión da licencia de modo inmediato. Naquelas nas que si se require dunha autorización municipal expresa, os trámites do Concello realízanse pola vía de urxencia sempre que conten coas preceptivas autorizacións doutros organismos ou administracións (Deputación da Coruña, Estradas, Patrimonio, etc).

O Concello mostra a súa satisfacción polo froito das xestións municipais realizadas para o despregamento da rede de banda larga de internet. Ao mesmo tempo lembra á cidadanía que para coñecer se un núcleo de poboación determinado ou unha vivenda en concreto dispoñen de cobertura de fibra óptica, deben consultalo directamente coa diferentes compañías de telecomunicacións que prestan dito servizo.