Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca a importancia da dixitalización no procedemento concursal


O director xeral de Xustiza participou na inauguración da Xornada Concursal ’20 anos da Lei’ organizada en Pontevedra pola Asociación Galega de Administradores Concursais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na apertura da Xornada Concursal 20 anos da Lei, organizada en Pontevedra pola Asociación Galega de Administradores Concursais co apoio da Xunta, onde salientou os avances producidos no procedemento concursal nas últimas décadas grazas á dixitalización. Así, referiuse ás distintas aplicacións tecnolóxicas creadas no eido xudicial e postas tamén a disposición dos economistas administradores concursais.

Para o director xeral, plataformas como LexNET, que permite o intercambio de información entre operadores xurídicos, InSide, para a recepción de expedientes mediante un localizador, ou Acceda, para achega telemática de documentación, contribuíron de xeito decisivo a que os profesionais poidan manexar a información precisa para a xestión concursal de xeito áxil e seguro. Nesta liña apostou por que os administradores concursais accedan tamén ao expediente dixital “como un profesional máis, que o é, da Administración de Xustiza”.

Por outra banda, José Tronchoni apuntou os cambios lexislativos como outra das vías que contribuíu a unha maior celeridade e seguridade xurídica no procedemento concursal, como a Lei concursal 16/2022, que fomenta “as reestruturacións empresariais cun enfoque preventivo e introduce o procedemento exprés nos concursos da microempresa”, entre outras novidades.