Saturday 16 de November de 2024

Máis de 650 profesionais velarán pola seguridade na noite de San Xoán


O Concello incrementa nun 64% con respecto ao ano pasado o persoal que forma parte do dispositivo

Unha das novidades será a estrea dos drons da Policía Local, que permitirán levar a cabo unha vixilancia aérea dos areais do Orzán e Riazor

O Concello presentou esta mañá na xunta local de Protección Civil o primeiro borrador do dispositivo de seguridade da noite de San Xoán, do vindeiro 23 de xuño. O obxectivo é sentar as bases para garantir o correcto desenvolvemento desta celebración, catalogada como Festa de Interese Turístico Internacional e que congrega cada ano a unhas 150.000 persoas na contorna das praias de Riazor e Orzán.

Este ano levarase a cabo un reforzo do dispositivo de seguridade, que pasará de 400 a 656 efectivos, o que supón un 64 % máis que no 2022. Destaca a colaboración entre os diferentes corpos de seguridade, como a Policía Local, a Policía Nacional, Bombeiros, Protección Civil ou persoal de Urxencias do 061. O Centro de Mando Móbil volverá estar instalado na Coiraza e o dispositivo comezará oficialmente ás 05.30 horas do día 23. Os cortes de tráfico no paseo marítimo produciranse a partir das 19.00 horas e o baño estará prohibido desde as 22.00 horas. O dispositivo funcionará a pleno rendemento ata as 06.00 horas do 24 de xuño, cando se desaloxarán as praias para a súa limpeza. Ademais, este ano a vixilancia reforzarase por primeira vez co uso dos dous novos drons da Policía Local.

Na reunión detalláronse os diferentes espazos onde se atoparán os efectivos despregados nesta xornada, manténdose nas localizacións de anos anteriores servizos como o posto médico avanzado da Cruz Vermella ou as cámaras de vixilancia dispostas ao longo do paseo marítimo. Ademais, haberá nas praias un servizo especial de salvamento e socorrismo, que disporá de dúas embarcacións para emerxencias.