Saturday 16 de November de 2024

Arranca o Maio das Letras Galegas cunha exposición pictórica do CEP Pilar Maestú Sierra


Máis de 90 ilustracións penduran nas paredes da casa da cultura Raquel Fernández Soler. Trátase dunha exposición que chega da man do CEP Pilar Maestú Sierra baixo o título Que grandes artistas as nosas cadrechiñas e cadrechiños! Homenaxe ós/ás ilustradores/as de contos infantís que inaugura a programación do Maio das Letras Galegas da Pobra do Caramiñal.

Alumnado do colexio asistiu na mañá deste 11 de maio á apertura da mostra que comezou ao son da gaita, cunha melodía interpretada por Antón Ferreiro, de quinto curso.

Esta exhibición pictórica ofrece reproducións de obras que ilustran contos infantís e xuvenís como, por exemplo, Elmer, Harry Potter, Oliver y su pandilla, La dama y el vagabundo ou 101 dálmatas, entre outros moitos. A este respecto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, agradeceu o dinamismo da comunidade educativa e a súa implicación para achegárlle-la arte a través da experiencia.

Carla Fernández, de sexto curso, falou en representación da rapazada, para destaca-la relevancia desta actividade da que son protagonistas.

Tamén tomou a palabra María Mariño como integrante do profesorado que forma o proxecto Little artists, xunto con Angharad Collazo e Andrea Morales. Dirixíndose ás crianzas, afirmou que o feito de que a casa da cultura acolla estes debuxos demostra que “oficialmente sondes grandes artistas.” Un orgullo ao que se sumou a directora do centro de ensino, Silvia Folgueira, quen fixo fincapé na importancia de facer equipo.

As visitas poden efectuarse ata 7 de xuño, de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.