O vicepresidente, Alfonso Rueda, inaugurou esta tarde as V Xornadas Nacionais entre Letrados da Administración de Xustiza e Procuradores
O vicepresidente, Alfonso Rueda, inaugurou as V Xornadas Nacionais entre Letrados da Administración de Xustiza e Procuradores, nun acto no que destacou novamente o “compromiso global” que ten a Xunta de Galicia co ámbito xudicial.
Alfonso Rueda, estivo acompañado polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; polo secretario xeral da Administración de Xustiza, Antonio Dorado Picón, e polo presidente do Consello Xeral de Procuradores de España, Juan Carlos Estévez, entre outros, explicou a posta en marcha do Plan de Infraestruturas Xudicial na nosa comunidade.
Ademais, o Goberno galego tamén apostou polas medios tecnolóxicos e pola reorganización xudicial. Así, co obxectivo de modernizar os xulgados, a Xunta puxo en marcha un ambicioso plan, o Senda, que acaba de iniciar a súa segunda fase e investirá 26 millóns de euros en achegar ás TIC á xustiza de aquí ao ano 2020.
Por último, no ámbito da organización Rueda anunciou a súa intención de que Galicia sexa unha das primeiras Comunidades Autónomas en activar a Nova Oficina Xudicial (NOX) e por iso acaba de publicarse no portal E-xustiza (www.exustiza.es) o anteproxecto do seu decreto regulador, que pretende recadar suxestións e poder aprobalo a principios de 2016.
Neste momento de cambios importantes, o Goberno galego quere seguir contando coa colaboración dos colectivos relacionados coa Administración de Xustiza. Xa se fixo para modernizar o sistema de Asistencia Xurídica Gratuíta ou no proceso de “expurgo” dos arquivos xudiciais, por citar dous exemplos, e nesa liña se quere continuar avanzando.
As xornadas, que durarán ata o venres, contarán coa participación de importantes poñentes relacionados co mundo da xudicatura e que abordarán asuntos relacionados co emprego das novas tecnoloxías, as poxas e depósitos, ou as reformas da Lei de Enxuizamento Civil, da Lei Orgánica do Poder Xudicial e da Lei de Xurisdición Voluntaria, entre outros.