Saturday 16 de November de 2024

Máis de 120 persoas participaron nos cursos organizados no que vai de ano para facilitar o uso dos teléfonos móbiles


Hoxe rematou o décimo da temporada, pero as persoas interesadas poden anotarse para retomar a formación despois do verán

Hoxe rematou o décimo curso que levamos organizado este ano dende a Concellaría de Terceira Idade para facilitar ás persoas maiores o uso dos teléfonos móbiles. A iniciativa, que desenvolvemos por terceira vez, tivo moi boa acollida, como demostra a alta participación rexistrada: máis de 120 persoas. Neste sentido destacan os/as 19 participantes que houbo en Aldemunde, xa que é a parroquia máis pequena do concello, cun total de 83 habitantes segundo os datos do último padrón.

Ademais de Aldemunde, os talleres para mellorar o manexo dos smartphones tamén se celebraron nos centros sociais de Rus, Vilela e A Brea. Na zona urbana de Carballo leváronse a cabo un total de cinco, catro deles no edificio do mercado municipal e o quinto, no centro social Escola de Arrabaldes, no barrio da Milagrosa.

Unha vez máis contamos coa Cruz Vermella para achegar ás persoas participantes os coñecementos básicos sobre o funcionamento dos dispositivos e as aplicacións que lles poden resultar de máis utilidade no seu día a día, como enviar unha fotografía a un familiar ou pedir unha cita para o médico sen necesidade de chamar ou achegarse ata o centro de saúde.

Esta actividade forma parte da oferta permanente da Concellaría de Terceira Idade, de maneira que o prazo está aberto durante todo o ano e os cursos vanse organizando cando se reúne un número mínimo de participantes. As persoas interesadas poden anotarse a través das asociacións de cada parroquia e/ou dos consellos parroquiais, na Biblioteca Rego da Balsa ou enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal. En función do número de inscricións elaborarase o calendario para a próxima tempada.